OU MORRE O GOLPE OU MORREN AS CONSTITUCIÓNS

Os países de América Latina loitaban contra a peor crise financeira da historia dentro dunha relativa orde institucional.

Cando o Presidente de Estados Unidos Barack Obama, de viaxe en Moscova para abordar temas vitais en materia de armas nucleares, declaraba que o único presidente constitucional de Honduras era Manuel Zelaya, en Washington a extrema direita e os falcóns manobraban para que este negociase o humillante perdón polas ilegalidades que lle atribúen os golpistas.

Era obvio que tal acto significaría ante os seus e ante o mundo a súa desaparición da escea política.

Está probado que cando Zelaya anunciou que regresaría o 5 de xullo, estaba decidido a cumprir a súa promesa de compartir co seu povo a brutal represión golpista.

Co Presidente viaxaban Miguel d¢ Escoto, presidente prol témpore da Asemblea Xeral da ONU, e Patricia Rodas, a ministra de exteriores de Honduras, así como un xornalista de Telesur e outros, até 9 persoas. Zelaya mantivo a súa decisión de aterrar. Cónstame que en pleno voo, cando se aproximaba a Tegucigalpa, se lle informou desde terra sobre as imaxes de Telesur, no instante que a enorme masa que o esperaba no exterior do aeroporto, estaba sendo atacada polos militares con gases lacrimóxenos e lume de fusís automáticos.

A súa reacción inmediata foi pedir altura para denunciar os feitos por Telesur e demandar aos xefes daquela tropa que cesase a represión. Despois lles informou que procedería á aterraxe. O alto mando ordenou entón obstruír a pista. En cuestión de segundos vehículos de transporte motorizado obstruírona.

Tres veces pasou o Jet Falcon, a baixa altura, por riba do aeroporto. Os especialistas explican que o momento máis tenso e perigoso para os pilotos é cando naves rápidas e de pouco porte, como a que conducía ao Presidente, reducen a velocidade para facer contacto coa pista. Por iso penso que foi audaz e valente aquel intento de regresar a Honduras.

Se desexaban xulgalo por supostos delitos constitucionais,Zelaya sabe que estaba en xogo non só a Constitución de Honduras, senón tamén o dereito dos povos de América Latina a elixir aos seus gobernantes.

Honduras é hoxe non só un país ocupado polos golpistas, senón ademais un país ocupado polas forzas armadas de Estados Unidos.

A base militar de Soto Cano, coñecida tamén polo seu nome de Palmerola, situada a menos de 100 quilómetros de Tegucigalpa, reactivada no 1981 baixo a administración de Ronald Reagan, foi a utilizada polo coronel Oliver North cando dirixiu a guerra sucia contra Nicaragua, e o Goberno de Estados Unidos dirixiu desde ese punto os ataques contra os revolucionarios salvadoreños e guatemaltecos que custaron decenas de miles de vidas.

Alí se atopa a "Forza de Tarefa Conxunta Bravo" de Estados Unidos, composta por elementos das tres armas, que ocupa o 85 por cento da área da base. Eva Golinger divulga o seu papel nun artigo publicado no sitio dixital Rebelión o 2 de xullo de 2009, titulado "A base militar de Estados Unidos en Honduras no centro do golpe ". Ela explica que "a Constitución de Honduras non permite legalmente a presenza militar estranxeira no país. Un acordo “de man” entre Washington e Honduras autoriza a importante e estratéxica presenza dos cientos de militares estadounidenses na base, por un acordo ‘semi-permanente’. O acordo efectuouse no 1954 como parte da axuda militar que Estados Unidos ofrecía a Honduras... o terceiro país máis pobre do hemisferio." Ela engade que "... o acordo que permite a presenza militar de Estados Unidos no país centroamericano pode ser retirado sen aviso".

Soto Cano é igualmente sede da Academia da Aviación de Honduras. Parte dos compoñentes da forza de tarefa militar de Estados Unidos está integrada por soldados hondureños.

Cal é o obxectivo da base militar, os avións, os helicópteros e a forza de tarefa de Estados Unidos en Honduras? Sen dúbida que serve unicamente para a empregar en América Central. A loita contra o narcotráfico non require desas armas.

Se o presidente Manuel Zelaya non é reintegrado ao seu cargo, unha onda de golpes de Estado ameaza con varrer a moitos gobernos de América Latina, ou ficarán estes a mercé dos militares de extrema dereita, educados na doutrina de seguridade da Escola das Américas, experta en torturas, a guerra psicolóxica e o terror. A autoridade de moitos gobernos civís en Centro e Sudamérica ficaría debilitada. Non están moi distantes aqueles tempos tebrosos. Os militares golpistas nin sequera lle emprestarían atención á administración civil de Estados Unidos. Pode ser moi negativo para un presidente que, como Barack Obama, desexa mellorar a imaxe dese país. O Pentágono obedece formalmente ao poder civil. Aínda as lexións, como en Roma, non asumiron o mando do imperio.

Non sería comprensibel que Zelaya admita agora manobras dilatorias que desgastarían as considerabeis forzas sociais que o apoian e só conducen a un irreparabel desgaste.

O Presidente ilegalmente derrocado non busca o poder, mais defende un principio, e como dixo Martí: "Un principio xusto desde o fondo dunha cova pode máis que un exército.

Fidel Castro Ruz
Xullo 10 de 2009
6 e 15 p.m

Voltar ao inicio desta nova]