ELECCIÓNS, DEMOCRACIA E LEI DE PARTIDOS

Diante das eleccións vascas

"Eleccións, democracia e Lei de Partidos"


[Paco Azanza]. Aproxímase o día das eleccións na Comunidade Autónoma Vasca -CAV-, e a campaña electoral –á oficial refírome, que a outra levámola soportando desde fai catro anos- segue o seu curso.
Máis unha vez, no contexto do estado, un importante sector da sociedade vasca ficou excluído do concurso electoral. Sabemos que, por mor da alevosa aplicación da Lei de Partidos, as listas da chamada Esquerda Abertzale volveron a ser ilegalizadas; un bo exemplo de como a anormal situación política do Estado español estase facendo perigosamente normal, por aceptada e repetida.

O argumento utilizado polo tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional para satisfacer o desexo da Fiscalía do Estado foi, como vén sendo habitual, que os ilegalizados pertencen á armazón de ETA, así como que non condenan a violencia. Se non fose pola gravidade do caso, as probas achegadas polos ilegalizadores de vez serían motivo de estrenduosa gargallada.

Cando a liberdade de expresión non se respecta, fundamentalmente desde as altas esferas do Estado, mal podemos chamar democrático ao sistema que nos rexe. A liberdade de expresión non consiste soamente en expresar o que se desexe sen necesidade de recibir premio ou sanción algunha polo expresado. A liberdade de expresión tamén implica que se un individuo ou unha formación política deciden permanecer en silencio, poidan facelo igualmente sen ser represaliados xa que logo.

A utilización da non condenada, como arma esgrimida para vulnerar os dereitos políticos e civís a unha cifra nada desdeñable de habitantes, é especialmente grave; máxime cando os creadores e sustentadores da Lei de Partidos tampouco condenaron afíns exercicios violentos. Éstoume referindo ao PP, que nunca condenou a brutal violencia franquista, e ao PSOE, que tampouco condenou os asasinatos do GAL, as torturas practicadas en cuarteis e comisarías nos seus 18 anos de goberno...

Convén lembrar que, aos pesares de que o Goberno español teima en facernos crer que vivimos nun estado de dereito, o poder político e o poder xudicial camiñan xuntos, collidos da man. Existen infinidade de exemplos que avalan esta crenza, mais, para non extenderme demasiado, exporei só un deles: O actual Consello Xeral do Poder Xudicial -CGPJ- se elixiu desta significativa e vergoñenta maneira: dos vinte membros que o compoñen, o PSOE elixiu a nove; o PP a outros nove; correspondendo a elección dos outros dous membros ao PNV e a CiU. Tiren vostedes mesmos as súas propias conclusións.

Dicía ao principio desta nota que a campaña electoral segue o seu curso. Non parece ter importado demasiado ao resto dos participantes que unha formación política –nas anteriores eleccións o sector ilegalizado obtivo nove escanos no parlamento de Gasteiz- sexa excluída, posto que, coma se nada pasase, aqueles seguen inmersos na carreira electoral. O curioso do caso é que a maioría dos partidos políticos que participan nas eleccións están en desacordo coa Lei de Partidos; ou polo menos iso é o que din. Mais, din o que pensan?, din a verdade? É obvio que non. Se fosen sinceros a súa nefasta actitude sería outra moi distinta.

Unha boa maneira de demostrar o seu desacordo coa citada lei sería retirar as súas propias candidaturas, non participar nuns comicios que, disque, consideran antidemocráticos. Este feito poría en evidencia aos acérrimos defensores da “democracia española”, formando, talvez, tremendo revolico a nivel nacional e incluso internacional –estariamos falando da retirada de máis do 50% da última representación parlamentaria da CAV; e xa a ONU, por boca do seu relator especial pola promoción dos dereitos Humanos, Martin Scheinin, criticou a Lei de Partidos, ademais doutros escuros aspectos-. Mais nesa dirección non moven, non moverán nin un só dedo. Por que tanta parálise solidaria? Por que tanto “deixar facer” aos censores por parte dos que se “opoñen” á Lei de Partidos? A resposta a estas preguntas é moi sinxela. Os partidos políticos son empresas privadas altamente subvencionadas -segundo os resultados electorais- co diñeiro do Estado. Xa que logo, reconvertidos en xerentes, os seus dirixentes o único que procuran é a rendibilidade económica das súas empresas. Non importa se para iso teñen que recorrer á prostitución ideolóxica -a cerebral é a máis carente de ética e recorrida-.

Ávidos e necesitados de diñeiro, non desexan, non poden desaparecer da vida parlamentaria; son demasiados os “demócratas” que se alimentan, que viven do conto. Hipócrita actitude, sen dúbida, a destes profesionais da liberdade. E a hipocrisía non serve para combater á inxusta Lei de Partidos… nin ao fascismo cada vez máis presente e consentido.

Ninguén se leve as mans á cabeza. Cando Franco desapareceu fisicamente, aquel histórico momento non foi subscrito coa ruptura democrática que demandaba o povo; e hoxe, tantos anos despois, as raíces máis profundas da “democracia española” seguen firmemente enraizadas no substrato franquista.
[Voltar ao inicio desta nova]

Ver tamén: http://baragua.wordpress.com