RESOLUCIÓN FINAL DO II ENCONTRO GALEGO DE SOLIDARIEDADE CON CUBA

Resolución Final dos II Encontros que se aprobou as iniciativa do PCPG.

"As persoas e organizacións que integramos o movemento de Solidariedade con Cuba en Galiza, convocadas pola Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” ao II ENCONTRO GALEGO DE SOLIDARIEDADE CON CUBA, celebrado o dia 24 de Novembro de 2007 en Santiago de Compostela:

1.-Constatamos e denunciamos a agresividade do goberno dos USA, que se reforza contra Cuba utilizando todo tipo de medios para tentar de socavar a súa Revolución e o lexítimo dereito de autodeterminación do seu povo, ignorando e desafiando as resolucións da Asemblea Xeral da ONU que repetidamente e por abrumadora maioría esixen o cese do criminal Bloqueo imposto contra ese país irmán desde hai máis de 47 anos.

2.-Condenamos e denunciamos a actitude de vasalaxe dos gobernos aliados dos USA, que renuncian, mesmo, a unhas relacións internacionais soberanas e se alinean co imperialismo ianqui contra a Revolución e o heroico povo cubano.

3.-Os/as presentes neste II Encontro Galego de Solidariedade con Cuba reafirmamos a nosa vontade unitaria, que se debe concretar progresivamente nunha mayor coordenación, intensidade e capacidade de acción a favor do Povo Cubano, da súa Revolución e da súa Soberanía, sen perxuizo da lóxica autonomia das organizacións e colectivos que integran o noso. movemento.

4.-O II Encontro Galego de Solidariedade con Cuba considera necesario contrapoñer toda a nosa capacidade creativa e pedagóxica para combater o bloqueo informativo, a manipulación das consciencias e a difamación existente sobre a realidade de Cuba Socialista, ás que nos someten os poderes do sistema. Para o que é preciso, de maneira especial, incidir naqueles aspectos que mellor demostren o carácter emancipador, humanista, democrático e popular do proxecto revolucionario cubano.

Temos que contrarestar, especialmente, a versión que sobre Cuba dan os medios de comunicación capitalistas, sensibilizando (de xeito coordenado) aos nosos/as traballadores/as e sectores populares coa nosa propia información (difusión de manifestos, convocatoria de actos e debates, revistas, radios libres, etc.)

5.-Os/as que participamos neste II Encontro Galego de Solidariedade con Cuba comprometémonos a retomar, promover e manter a pleno rendemento as accións e mobilizacións populares de apoio a Cuba e de condena ás agresións imperialistas contra o seu povo, traballando pola consecución de máis colaboración e apoio de outros colectivos e organizacións sociais, políticas e sindicais.

6.-As organizacións que participamos neste Encontro chamamos actuar, de xeito coordenado, coas institucións e organismos galegos e cubanos, e segundo as necesidades e posibilidades existentes, para conseguir e vehiculizar o apoio económico a proxectos de cooperación con Cuba así como co traballo de recollida de medios materiais para o seu envío á Illa.

7.-O II Encontro Galego de Solidariedade con Cuba chama tamén a promover e apoiar os intercambios culturais ou científicos entre os povos galego e cubano, irmandamentos entre povos, vilas e cidades dos nosos respectivos países, así como a extender e reforzar en Galiza as experiencias do brigadismo solidario, baseadas na ideas da solidariedade internacionalista e do traballo voluntario.

8.- Como se expresa na ponencia sobre os cinco aprobada neste Encontro:

“A situación dos cinco compañeiros cubanos que levan 9 anos nas cadeas de EE.UU. é un atentado que sofren eles, a República de Cuba e a solidariedade internacionalista.

A presión para conseguir a súa liberdade debe concentrarse de xeito principal na opinión pública estadounidense, pero nos países e estados que teñen relación coa potencia que controla o mundo, debe haber accións que contribúan ao coñecemento da situación e a crear un clima favorábel para a súa posta en liberdade”....

Fronte ao “silencio cómplice por parte dos medios de comunicación de grandes tiraxes ou audiencias hai que actuar” ..mediante ..“ a Creación a nivel galego dun “Comité pola liberdade dos 5” que coordine actos para dar a coñecer a súa situación e sensibilice á sociedade, incidindo nas organizacións populares, nos sectores da xudicatura e nas institucións”.

9.-Todos os presentes neste II Encontro Galego de Solidariedade con Cuba asumimos, neste ano do 40 aniversario do asasinato do Ché Guevara, e como mellor homenaxe, estes compromisos e acordamos facer un seguimento da concreción dos mesmos até a realización dos próximos III Encontros. [Voltar ao inicio desta nova]