COMUNICADO DAS FARC-EP

Comunicado do Secretariado do Estado Maior Central das FARC-EP sobre a misión médica francesa

O Secretariado do Estado Maior Central das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia, Exército do Povo (Farc-EP) expresou que a misión médica francesa “non é procedente e moito menos cando non é resultado da concertación, senón da mala fe de Uribe diante do Goberno do Elíseo”.

Comunicado

1. A liberación unilateral de cinco congresistas e dunha ex candidata á vicepresidencia, ocorrida entre xaneiro e febreiro, foi ante todo un xesto de xenerosidade e vontade política das FARC, non de debilidade ou resultado dunha presión, como equivocadamente di o goberno do señor Uribe. Tales liberacións obedeceron a unha decisión soberana da insurxencia das FARC estimulada pola persistente labor humanitaria do Presidente Hugo Chávez e a senadora Piedad Córdoba.

2. Desde a última liberación unilateral do 27 de febreiro estivemos á espera do decreto presidencial ordenando o despexamento militar de Pradería e Florida para concretar alí, coa garantía da presenza guerrillera, o acordo de intercambio humanitario. Os guerrilleiros presos nos cárceres de Colombia e os Estados Unidos, son a nosa prioridade. Rexeitamos a cualificación amañada do delito político que pretende impedir que os guerrilleiros saian dos cárceres. Non estamos reclamando a ninguén o estatus de refuxiado, utilizado como nome camuflado do desterro e da institucionalización do delito de opinión.

3. Lamentamos profundamente que mentres propiciabamos feitos palpabeis en dirección ao troco de prisioneiros, o Presidente Uribe planificaba e executaba o arteiro asasinato do comandante Raúl Reyes, ferindo de morte a esperanza de intercambio humanitario e de paz. Quen ordena aos seus xenerais o rescate militar a sangue e lume, non quere o troco. Quen ofrece millóns de dólares instando á deserción con prisioneiros, non está polo intercambio. Iso é Uribe: o obstáculo principal e o inimigo número un do intercambio. Por iso apósta irresponsabelmente, todos os días, até o desenlace fatal.

4. Polas mesmas razóns expostas ao CICR o 17 de xaneiro, a misión médica francesa non é procedente e moito menos cando non é resultado da concertación, senón da mala fe de Uribe diante do goberno do Elíseo, e unha burla desalmada ás expectativas dos familiares dos prisioneiros. Non actuamos baixo chantaxes nin baixo o impulso de campañas mediáticas. Se a comezos de ano o Presidente Uribe houbesen despexado Pradería e Florida por 45 días, tanto Ingrid Betancourt, como os militares e os guerrilleiros presos xa terían recuperado a súa liberdade, e sería a victoria de todos.

Secretariado do Estado Maior Central das FARC-EP
Montañas de Colombia, abril 4 de 2008
[Voltar ao inicio desta nova]