A NEGACIÓN DA TORTURA(NO E. ESPAÑOL): UNHA DENUNCIA DE CARLO FRABETTI

A negación da tortura

por Carlo Frabetti

A tortura, a máis repugnante forma de represión e de abuso de poder, é obviamente incompatibel co estado de dereito, e por iso nas seudodemocracias ao uso a súa práctica sistemática nunca é recoñecida. Mais negar a evidencia da tortura é cada vez máis difícil. Cada vez require maior cinismo por parte do poder e maior necedade por parte de quen se cren as súas mentiras e omisións, pois o coñecemento dos feitos obxectivos -os teimudos feitos- está, cada vez máis, ao alcance de calquera que teña acceso a un ordenador. Hoxe día, negar a tortura é como negar o Holocausto: require o mesmo grao de obcecación ou perversidade.

Fai tan só unha década, para comprobar que a tortura é unha práctica sistemática e impune (o que equivale a dicir que é unha estratexia política), había que emprender unha difícil labor de investigación. Porén na actualidade as evidencias son tan abrumadoras como facilmente accesibles, e negarse a velas ou a sacar as conclusións pertinentes equivale a ser cómplice da maior das infamias. Abonda con entrar na páxina web da Coordinadora para a Prevención da Tortura (www.prevenciontortura.org), que inclúe a máis de corenta organizacións de todo o Estado español (asociacións prol dereitos humanos, cristiáns de base, familiares de presos, etc.), para, a partires daí, realizar unha procura tan sinxela como esclarecedora. Abonda con preguntarse por que a Garda Civil e o Ministerio do Interior non saen ao paso de acusacións tan graves e notorias como as formuladas por Anika Gil na “pelota vasca” (un documental exhibido nos cines comerciais e visto por centos de milleiros de espectadores) para comprender que só hai unha resposta posible. Abonda con ler os informes de organizacións tan pouco sospeitosas de radicalismo como Amnistía Internacional ou a propia ONU para decatarse de que algo cheira a podre na nosa suposta democracia.

Por iso nun futuro inmediato asistiremos, con respeito á tortura, a unha mudanza de estratexia. Cando xa non sexa posible negala --e xa non o é--, intentarase minimiza-la. Non é casual que nos últimos tempos comecen a verse na televisión ignominiosas escenas de malos tratos gravadas polas cámaras instaladas en comisarías e cuartelillos, e tampouco é casual que algúns casos de corrupción e abusos policiais sexan aireados insistentemente polos medios de comunicación. Cando os síntomas xa non poden agocharse, inténtase falsear o diagnóstico. Agora pretenderán facernos crer que os casos de brutalidade policial son illadas excepcións que confirman a regra democrática, e que a lei os persegue co maior rigor.

Agora que a negación xa non é posibel, os catro poderes (o lexislativo, o executivo, o xudicial e o mediático) tentarán relativizar a tortura e os malos tratos centrando a atención nalgúns casos coidadosamente escollidos, coa esperanza de que as árbores nos impidan ve-lo bosque. Mais non o conseguirán: pódese enganar unha vez a todo o mundo e todas as veces a unha persoa; mais non se pode enganar todas as veces a todo o mundo. Hai demasiadas preguntas sen resposta, demasiadas acusacións non desmentidas, demasiadas imaxes tan imborrabeis como a do rostro desfigurado de Unai Romano, demasiadas testemuñas tan estremecedores como o de Amaia Urizar, violada por un garda civil cunha pistola. E hoxe, grazas a Internet, articular nun cadro coherente e significativo os datos que o poder intenta dispersar está ao alcance de calquera. Calquera texto de denuncia pode converterse nun hipertexto, e este mesmo artigo se ramifica nos que cito a seguir, que pola súa vez remiten a outras fontes ás que se pode acceder sen máis que pulsar unha tecla. Para non decatarse do que acontece, xa non abonda con ollar para outra beira: hai que taparse os ollos e as orellas, como os monos de Confucio. E hai que taparse a boca con amba-las dúas mans para non berrar pedindo o corpo dos culpabeis.

Textos asociados:
O significado da condena (www.rebelion.org/noticia.php?id=64959)
A mula e o boi (www.rebelion.org/noticia.php?id=59229)
A irmandade das vítimas (www.rebelion.org/noticia.php?id=27261)
A impunidade da tortura (www.rebelion.org/noticia.php?id=26604)
Si eu fose garda civil (www.rebelion.org/noticia.php?id=9537)
A cobardia dos lobos (www.nodo50.org/contraelimperio/rtf/137.rtf)
O valor das vítimas (www.nodo50.org/contraelimperio/rtf/136.rtf)
O silencio dos lobos (www.nodo50.org/contraelimperio/rtf/130.rtf)

[Voltar ao inicio desta nova]