Manifesto en favor dos cinco elaborado pola Asociación de Amizade Galego-Cubana "Francisco Villamil":
En xuño de 1998, despois duns atentados con bombas contra os intereses e a cidadanía cubanos, unha delegación do FBI viaxou á illa caribeña, recibindo unha ampla documentación sobre as actuacións destes grupúsculos fascistas. A reacción de Washington foi rotunda: cinco cubanos foron arrestados o 12 de setembro do mesmo ano, por pertencer a unha rede de espionaxe, mentras que os terroristas seguen en liberdade no sur de Florida. Os cinco mozos son: Gerardo Hernández, Ramón Labañino, Antonio Guerrero, Fernando González e René González.
Durante 17 meses estiveron en celas de illamento, contra do que di a lei, que establece un máximo de sesenta días.
O enxuizamento penal incumpriu a Constitución norteamericana, que estipula que os acusados teñen dereito a un xuizo regular e a un xurado imparcial, dúas condicións que non se daban en Miami, polo seu ambiente de aversión antirrevolucionario e a campaña de prensa contra os cinco, que os sentenciaba antes de xuizo.
Deste xeito, os veredictos de culpabilidade emitidos en xuño de 2001, que os consideraba culpabeis, e de decembro do mesmo ano, no que se dictaban sentencias, resultaron demoledores.
Gerardo foi condenado a dúas cadeas perpetuas, máis quince anos de privación de liberdade. Ramón a cadea perpetua, máis 18 anos. Antonio a cadea perpetua, máis dez anos. Fernando a 19 anos. René a 15. As acusacións van de conspiración contra Estados Unidos, común nos cinco, ata asasinato en primeiro grao, espionaxe, identidade falsa e non rexistrarse coma axente estranxeiro. Foi un xuizo claramente político.
Non hai que esquecer o contexto que vive Cuba, que durante catro décadas viuse sometida a todo tipo de atentados contra a súa poboación, os cultivos, a súa economía e, en definitiva, contra da súa soberanía. Os cinco infiltráronse en organizacións contrarrevolucionarias, informando ao goberno cubano dos plans criminais que preparaban eses grupos dende territorio estadounidense. Máis de tres mil persoas morreron en Cuba, víctimas destas accións. Cuba ten o dereito de se defender. En ningún momento interesou conspirar contra a seguridade dos EE.UU.
Os cinco compañeiros están encadeados nas condicións máis duras, sen contacto entre eles e con moitas dificultades para recibir visitas.