PRÓXIMOS ACTOS COA PROFESORA CUBANA BETSY ANAYA EN COMPOSTELA E VIGO

Na foto: a profesora Betsy Anaya

A compañeira Betsy Anaya Cruz profesora de Historia Económica de Cuba, falará o 6 de novembro, ás 19:30 horas, na Galeria Sargadelos de Santiago de Compostela, sobre “Os novos retos da economía cubana”. No dia seguinte, venres 7, tamén ás 19.30, intervirá na Casa do Libro de Vigo, rúa Velázquez Moreno 27.
A profesora Anaya ven a Galiza convidada pola Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, entidade que organiza estes actos en colaboración co Consulado de Cuba en Galiza.

A visita da economista cubana chega no intre en que os gobernos da UE resolven seguir o exemplo do executivo norteamericano e traspasar axudas billonarias de capital público ás institucións privadas de préstamo para apuntalar a desfeita producida pola especulación e a utilización arrogante das institucións internacionais de crédito e fomento económico a prol da privatización e a acumulación de capital. De feito, dende o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional non aforran dende os tempos de Ronald Reagan descalificativos para as políticas de intervención pública e de construcción dun modelo económico ao servizo de toda da sociedade coma a que exemplarmente segue Cuba.

Manifestacións en toda a UE preguntan aos gobernos por que hai que pagar con diñeiro público os abusos privados. Asi quedaba de manifesto na marcha que ven de celebrarase en Roma na que aparecían referencias recoñecidas a dignidade e a coerencia exemplar de Cuba que serve nestas horas de referencia para a Nosa América e para un vello continente decepcionado e frustrado pola economía de casino.

ALGÚNS DOS SEUS DATOS BIOGRÁFICOS:
Betsy Anaya Cruz é experta en economia internacional comparada con experiencia protagonista en varias edicións do “Encuentro Internacional de Globalización y Problemas del Desarrollo”, celebrados na Habana, así como noutras convocatorias públicas do Centro de Estudos Económicos de Cuba, a Faculdade de Economía, o Instituto Nacional de Investigación e o Centro de Estudos Demográficos. Ten impartido cursos de Historia Económica de Cuba, Pensamiento Económico Cubano e Contabilidade, na Faculdade de Económicas da Habana e realizou investigacións relacionadas coa saúde pública, a demografía económica e a producción agropecuaria de Cuba.

Licenciada en Economía Global pola Universidade de La Habana en xuño de 2004. Dende ese ano traballou como adestrada no Centro de Estudos da Economía Cubana (CEEC) e en 2007 recibiu a categoría de Profesora Instructora no mesmo centro.
Ten varias publicacións sobre o tema como "Política Social en Cuba: nuevo enfoque y programas recientes", "La Salud en Cuba: avances y retos actuales", "Población y Economía en la Cuba actual" ou "Destinos de la producción agropecuaria en Cuba e o seu impacto no acceso al consumo aparente", todos en coautoría coa súa titora.Cursou recentemente o Mestrado en Economía con Mención en Política Económica, da Facultade de Economía da Universidade de La Habana, recibindo o título académico de Master en Ciencias Económicas en marzo de 2008.

Participou en varias edicións do "Encuentro Internacional de Globalización y Problemas del Desarrollo", celebrados na Habana, así como noutros eventos organizados polo CEEC, a Facultade de Economía e outros centros de investigación cubanos como o Instituto Nacional de Investigaciones Económicas e o Centro de Estudios Demográficos e é membro da Asociación Nacional de Economistas de Cuba (ANEC).
[Voltar ao inicio desta nova]