REMATAR DE VEZ COA POLÍTICA DE ASASINATOS DE ISRAEL!

Chamamento da Fronte Popular de Liberación de Palestina

Fonte: FPLP [Traducido polo PCPG]

No sétimo aniversario do asasinato do camarada e líder Abú Alí Mustafá por un mísil dos ocupantes fabricado en EEUU e disparado desde un helicóptero tamén fabricado en EEUU a través da fiestra da seu escritorio en Ramallah, o Estado sionista continúa levando a cabo a súa política de asasinatos, unha política que reflicte e forma parte do carácter básico dese estado, un estado colonial determinado a erradicar, desahuciar e intentar destruír ao povo palestino e o seu movemento nacional por todos os meios.

Esta política de asasinatos roubounos a moitos dos nosos máis distinguidos líderes - desde líderes políticos a sindicalistas e líderes obreiros ou escritores e axentes culturais exemplares- así como por centos dos nosos activistas comunitarios, líderes locais, novos, bravos combatentes ou dirixentes estudantís. Son fillos e fillas do pobo palestino que foron obxectivos das mortais balas e mísiles ocupantes, comprados e pagados por EEUU.

Desde os primeiros momentos do proxecto sionista, o asasinato sempre foi un mecanismo para privar ao povo palestino dos seus líderes e activistas e para mandar unha mensaxe aos futuros potenciais líderes e activistas de que a vía da resistencia conduce ao asasinato. Alén diso, búscase reforzar a alternativa das concesións vencelladas á colaboración co sionismo. Israel quere apresentar tres opcións aos palestinos: asasinato, encarceramento ou concesións.

Tendo en conta que Israel recibe anualmente 3.000 millóns de dólares de EEUU e que EEUU mantén unha alianza estratéxica co Estado sionista e colonial para estender a súa influencia e a presente e constante ameaza e presenza colonial contra a nación árabe, os asasinatos israelís están financiados por EEUU e lévanse a cabo coas súas armas. Así mesmo, a política de asasinatos israelís lévase a cabo con míseis fabricados en EEUU disparados desde helicópteros tamén fabricados en EEUU. O número de asasinatos foi especialmente elevado durante esta Intifada. Máis de 700 palestinos foron asasinados durante esta Intifada. Cada un destes asasinatos foi financiado con impostos de EEUU e o pobo estadounidense ten a responsabilidade de reclamar o fin do financiamento de Israel e dos seus asasinatos.

É evidente que o fin da política de asasinatos só poderá chegar a través da forza da Resistencia, deixando claro ao ocupante que o custo da mesma será enorme e prohibitivo. Por exemplo, a resposta ao asasinato de Abú Alí Mustafá, que a Fronte deu o 17 de outubro de 2001, matando ao racista ministro sionista de Turismo, Rehawam Ze'evi, foi unha clara declaración dos custos que suporá ao ocupante continuar con esta política. Unha resposta deste tipo é necesaria por parte da Resistencia para destacar que os nosos líderes, activistas, fillos e fillas non poden ser apartados de nós e que a ameaza do asasinato non servirá para forzarnos a colaborar ou a realizar concesións.

Con todo, tamén é especialmente importante que se poña en marcha en todo o mundo unha campaña popular para acabar coa política de asasinatos. Esta política non é só unha ameaza diaria contra as vidas dos palestinos e os árabes. Funciona xunto á política de encarceramento como unha constante ameaza contra calquera actividade dirixida a liberarnos da ocupación sionista e é unha proba de que a pretendida abolición das execucións no sistema de Inxustiza israelí non é máis que unha mentira baseada no falso pretexto dos dereitos humanos, xa que segue practicando a súa política de asasinatos masivos contra o mesmo pobo palestino ao que tamén aplica a política de encarceramento. De feito, a maioría das vítimas da política de asasinatos son antigos presos e os oficiais israelís ameazan de morte aos antigos presos de xeito rutineiro. Os asasinatos queren converterse nun mísil contra as organizacións, as comunidades e a sociedade de Palestina.

É necesario que os ollos do mundo se fixen nestes crimes cometidos polo inimigo sionista. Foron os fondos e as armas de EEUU e o silencio e a complicidade da denominada comunidade internacional os que permitiron que a política de asasinatos continúe. En xullo de 2002, durante o ataque asasino contra Salah Shehadeh, un líder de Hamas, as forzas de ocupación lanzaron unha bomba dunha tonelada no medio da veciñanza máis populosa de Gaza, un dos territorios máis densamente povoados do mundo, matando a outros catorce persoas -nenos incluídos- e esnaquizando edificios de vivendas. Desde a sobriña de Ghassan Kanafani, de 17 anos, á que matou o coche bomba que colocou o Mossad (a axencia de intelixencia sionista) até os centos de mortos durante esta Intifada por misis disparados contra carros situados nas inmediacións do lugar no que camiñaban pola rúa, todos os palestinos e árabes convertéronse en lexítimos “obxectivos a matar”.

Os sionistas até chegaron a utilizar pasaportes falsos e actuar no territorio dos seus aliados occidentais para levar a cabo as súas misión é para asasinar a palestinos e empregaron pasaportes falsos de Canadá, Suecia e outros estados para perpetrar asasinatos en París, Roma, Chipre e varios estados do mundo árabe. A pesar de que a lexislación internacional prohibe claramente os asasinatos e as execucións extraxudiciais, especialmente no apartado referido aos territorios ocupados da Convención de Xenebra, o Tribunal Supremo de Israel proclamou que estes asasinatos son aceptabeis e, até, continúan aumentando. É necesario que as persoas de todo o mundo ergan a súa voz para pedir que se remate coa política de asasinatos. Para esixir que a comunidade internacional actúe contra o Estado ocupante polos seus continuos crimes, para solicitar que se procese aos criminais dirixentes de Israel polos seus continuos crimes contra o pobo palestino, incluída a política de asasinatos, para reclamar que os oficiais israelís sexan procesados polo Tribunal Penal Internacional e se promulguen ordes de detención contra estes criminais. É clave que se publiquen artigos e noticias nos medios de comunicación, explicando ao mundo a brutal e amarga realidade da criminal política de asasinatos.

Unídevos a esta campaña. A política de asasinatos diríxese a palestinos de todas as formacións e identidades políticas, unidos por un factor crave, o seu compromiso coa liberdade do pobo palestino e a libertación de Palestina, rexeitando chegar a un acordo sobre estes principios fundamentais a cambio das súas vidas. Todas as nosas voces en todo o mundo a través de accións legais, os tribunais, os parlamentos e as rúas do mundo, utilizando os medios de comunicación, mediante accións e manifestacións deben erguerse xuntas para esixir o fin da política de asasinatos.

A continuación, aparecen varios informes e documentos sobre dereitos humanos que poden ser útiles na defensa do fin da política de asasinatos. Contactade connosco (www.pflp.ps/english) e escollede End Assassinations Campaign para reflexionar e debater como podemos traballar xuntos para acabar con esta política criminal e apoiar a loita pola libertación de Palestina. [Voltar ao inicio desta nova]