O CAPITALISMO E A FAME

(...) Todos os informes acerca do cambio climático coinciden nunha verdade incómoda que non transcendeu: a maior responsabilidade na xeración de CO2 correspóndelle á agroindustria. Por unha banda, a propia xeración de alimentos nun modelo totalmente dependente do petróleo (fertilizantes, pesticidas, maquinaria etc.) e o seu transporte intercontinental, e polo outro a destrución de terras e bosques para ampliar as áreas agrícolas, pon na cabeza a agricultura industrializada e intensiva no ranking das actividades que máis gases contaminantes emiten no eido mundial. En cambio, ás instancias responsabeis de adoptar medidas para combater o cambio climático parece que se lles esqueceron as disposicións para corrixir este modelo de produción de alimentos. Ao contrario, repítese o modelo coa extensión dos agrocombustibeis que, ademais de non producir alimentos, replican a mesma realidade de calquera outro produto en sistemas industrializados, monocultivos que expulsan man de obra, elevados custos de contaminación e amplísimas áreas de deforestación

E sen correccións urxentes, os estudos máis prudentes serán pronto unha realidade. Prevese un descenso da produción agrícola global de entre un 3 e un 16% para o 2080, que afectará as rexións tropicais, para, como dicía, igualarnos. O lucro capitalista cego e xordo deixounos aos países ricos sen labregas e labregos, sen terras cultivabeis, coa gandeiría dependente de soia estranxeira e, en definitiva, con povoacións cuxa alimentación se basea crecentemente en alimentos do Sur, que acabarán por non chegar. Tempo de fame e de inxustiza. [Voltar ao inicio desta nova]