DECLARACION DA ASEMBLEA NACIONAL DO PODER POPULAR DE CUBA
11 de Xullo 2008
Cando o 9 de agosto de 2005, o Panel de 3 xuíces da Corte de Apelacions de Atlanta, determinou unanimemente revogar as condenas e ordenar un novo xuízo para os Cinco Antiterroristas cubanos presos nos cárceres de Estados Unidos, ao considerar que Miami non era unha sede aceptabel para xulgalos, semellaba que ao fin o sistema xudicial norteamericano faría xustiza neste longo proceso cheo de arbitrariedades e manipulación.
Un ano despois o Pleno da Corte, en inédito veredicto na historia xudicial norteamericana, fallou en contra do ditame dos seus tres xuíces, validou o xuízo celebrado en Miami e remitiu de novo o caso ao Panel para considerar o resto dos asuntos impugnados pola defensa.
Logo de 22 meses de espera, o pasado 4 de xuño, o Panel de tres xuíces, rexeitou case todos os argumentos de apelación alegando que os mesmos “carecían de mérito” e ratificou os veredictos de culpabilidade dos Cinco antiterroristas cubanos e dúas sentencias, as de René González (15 anos) e Gerardo Hernández (dúas cadeas perpetuas, máis 15 anos).
Así mesmo, anulou tres das sentencias: Ramón Labañino (cadea perpetua máis 18 anos), Antonio Guerrero (cadea perpetua máis 10 anos) e Fernando González (19 anos) enviándoas ao Corte de Miami para que sexan revisadas pola mesma xuíza, Joan Lenard, que impuxo as desmesuradas penas que agora a Corte superior declara contrarias á lei. Ao indicar erros nas sentencias do cargo de “conspiración para cometer espionaxe” os xuíces recoñeceron, despois de 10 anos, o que o propio Goberno ao inicio do proceso recoñecera a través da súa Secretaría de Defensa: que non había nada na información obtida polos Cinco que tivese carácter secreto nin afectase a seguridade nacional de Estados Unidos.
A decisión 2-1 de ratificar a condena a Gerardo Hernández polo cargo de “conspiración para cometer asasinato” ignora o confesado pola Fiscalía durante o xuízo e diante da Corte de Apelacions ao admitir que non puidera demostrar ese cargo e que “á luz das probas presentadas” iso constituía un “obstáculo insuperable” que debería conducir ao fracaso da acusación. A xuíza Kravitch en opinión discrepante se opuxo no Panel á ratificación deste cargo considerando que o Goberno non había presentado evidencia algunha para fundar a súa acusación.
A decisión de 99 páxinas foi redactada, polo xuíz, William Pryor, designado pola Corte para formar parte do Panel no 2007, quen cunha linguaxe cheo de prexuízos anti-cubanos favorece explicitamente a posición do Goberno e incluso cambia feitos mencionados por ese mesmo Panel na súa decisión anterior a favor dos acusados e manipula outros que forman parte do expediente do caso.
O nomeamento de Pryor como Xuíz Federal polo Presidente Bush foi altamente controversial polas súas posicións de ultradereita e xerou denuncias en importantes círculos políticos e da opinión pública norteamericana, que afirmaron que os seus criterios legais extremos e equivocados farían que o nivel federal de xustiza tivese menos habilidade para protexer os dereitos constitucionais. Este xuíz, foi confirmado no cargo polo Senado co voto en contra de 45 lexisladores, mediante un arranxo negociado polo hoxe candidato presidencial republicano, John McCain.
Chama a atención que esta decisión se dá a coñecer no contexto do actual proceso eleitoral norteamericano, e en momentos en que o goberno de Estados Unidos intensifica as súas manobras para dar permanente protección, negándose a extraditalo a Venezuela, ao connotado e confeso terrorista Luis Posada Carriles, fugado dun cárcere de venezuela, cando era xulgado pola destrución en pleno voo dun avión civil cubano con 73 persoas a bordo, violando así convenios internacionais contra o terrorismo.
Os nosos Cinco patriotas próximas a cumprir 10 longos anos de inxusto e cruel encarceramento, sometidos a inhumanos castigos, privados das visitas regulares dos seus familiares, e dous deles sen ningunha visita das súas esposas, só gardan prisión por ser cubanos que loitaban contra os grupos terroristas asentados no sur da Florida coa protección das autoridades norteamericanas.
A Asemblea Nacional do Poder Popular, facendo súa a xusta indignación de todo o pobo cubano e dos familiares dos nosos Cinco compañeiros, condena esta absurda decisión e a continua manipulación de que é obxecto este arbitrario proceso. Nese sentido saúda e apoia a Declaración e os acordos adoptados no Encontro Parlamentario Latinoamericano-caribeño realizado en Panamá o 7 e 8 de xullo de 2008 e chama aos parlamentos de todo o mundo a sumarse a esta iniciativa e a emprender outras accións ata acadar a liberación dos nosos cinco compatriotas.
Asemblea Nacional do Poder Popular da República de Cuba
“ANO 50 DA REVOLUCION” [Voltar ao inicio desta nova]