UN ARTIGO MOI INTERESANTE SOBRE A REVOLUCIÓN NEPALÍ

Este artigo apareceu na edición do 16-30 de xuño do xornal Maoísta nepalí Estrela Vermella. Escrito polo camarada Netrabikram “Biplap” Chand (Membro do Secretariado do Comité Central PCN (Maoísta).


A nosa revolución está en fase de negociación e o noso partido contempla o compromiso como outro aspecto da loita de clases. A cuestión de se a revolución se logrará mediante o compromiso ou será empurrada para a contrarrevolución, aínda non está pechada. Existe unha dura e incesante loita entre dúas visións do mundo diferentes que atrae a atención nacional e internacional.


O marxismo acepta a opción de chegar a compromisos; sen embargo considera imposible lograr unha revolución a través de demasiados compromisos. Pode ser útil no momento en que a
revolución intenta conquistar o poder pero é imposible asegurar ese poder para o proletariado só a través dos compromisos. As tendencias reformistas e oportunistas en cambio, conceden a esta vía toda a importancia. Cren que a sociedade e o poder do Estado poden ser cambiados a través da “negociación” en vez da revolución.

O noso partido, o PCN (Maoista), e o Congreso Nepalí (CN) atópanse en puntos distintos no que fai á negociación. Desde o punto de vista da loita de clases, o CN non ve a necesidade dunha revolución en Nepal. Desexa negociar co PCN (maoísta), o PCN (UML) e outros partidos, repartindo os ministerios. Segundo o CN isto é suficiente para avanzar economicamente. A revolución política non é necesaria.


Segundo o CN, o debate lóxico e a planificación da revolución son actividades extremistas. Suxiren que PCN (Maoísta) non debería facer a revolución senón que debería contentarse con compartir a tarefa de goberno. Pero o obxectivo último do PCN (Maoísta) é o comunismo mediante unha República Popular pasando polo socialismo. Para iso, o Estado debe estar baixo o liderado do Partido Comunista. Polo tanto, nós, os maoístas, opoñémonos ao “negociacionismo”
aínda que non estamos en contra de chegar a certos compromisos.

Debido ao impacto da loita de clases, están xurdindo no partido diferentes formas de ver esta tendencia aos pactos e á negociación. Isto non debe sorprendernos. A tendencia negociacionista estase estendendo como unha doenza no noso partido. A través da chamada “revolución” económica e o reparto de poder se acabará coa revolución política. Non se pode depender dos elementos hostís ignorando as bases para asegurar o poder.

O CN quere empurrar ao país a unha contrarrevolución. Pretenden que un partido comunista científico e unha revolución proletaria se afundan nas augas estancadas do vello estado. Incluíron unha demanda de sete puntos na que se propón a disolución do YCL, o PLA e un retroceso dos logros da guerra popular.

Só se o PCN (M) acepta esas condicións previas poderá entrar no goberno. O propósito de
impoñer esas condicións é o de empurrar ao país para a contrarrevolución. Xa que logo debemos difundir os medios e fundamentos da revolución. Consolidemos o partido, o PLA e a Fronte Unida a un novo nivel. Establezamos unha visión política e económica clara para tomar o poder.


Xa disolvemos os centros de poder popular, os xulgados populares e as milicias populares. As
nosas comunidades, cooperativas, as institucións sanitarias e educativas establecidas durante a guerra son agora máis febles. Nesta situación, se aceptamos os sete puntos do CN, directa ou indirectamente estariamos declarando o fin da revolución. Non houbo un debate importante sobre isto pero moitos pensan que non é determinante o feito de que aceptemos os sete punto ou non. Isto axudará aos intereses do CN.

O compromiso é unha condición pouco habitual para unha revolución. As cousas aparecen como tranquilas nos períodos de acordo e negociación pero isto é só unha ilusión. Dúas formas de pensamento, tendencias e forzas rivais están loitando terribelmente tras unha cortina. Baixo o disfrace do compromiso ambas intentan gañar, destruír á contraria. Cando unha parte cre que vai ser destruída pola outra empeza a protexerse. Se non o logra dará comezo a confrontación entre revolución e contrarrevolución. Entón ráchase o equilibrio. Isto xa ocorreu no noso país. Até agora o CN e os imperialistas crían poder acabar co PCN (M) antes das eleccións. Moita xente e organizacións amigas pensaron que o lograrían mais o povo protexeu ao PCN (M) como ao seu propio fillo. Ao fracasar entón o CN, queren agora intentar a estratexia dos sete puntos.
Vencemos nas eleccións mais se non coidamos a revolución será a nosa ruína. Debemos acabar coa situación de compromiso para defendela.

O compromiso ten moito que ver coa situación mundial. Se queremos aprender das revolucións do século pasado hai que pensar neste tema. Debemos profundar e desenvolver unha nova ideoloxía e coñecementos para resolver os problemas e poder protexer a revolución en Nepal. Aínda que non sexa suficiente debido ás necesidades presentes, a participación do comité do MRI, o PCR e o PCI (M) animáronnos moito coas súas propostas.

A curto prazo é posibel negociar nunha revolución pero soamente por esta vía non se chega a ela. Os imperialistas e reaccionarios queren empurrar a revolución para unha contrarrevolución mais os comunistas revolucionarios queren converter o compromiso en revolución. A conspiración para facer do compromiso unha contrarrevolución está avanzando en Nepal. Debemos facela
fracasar unindo todas as forzas revolucionarias do mundo. Calquera revolución en calquera lugar do mundo é parte da revolución mundial. Os compromisos tamén. Os revolucionarios do mundo debemos unir os nosos esforzos para converter o compromiso en revolución, rexeitando o “negociacionismo” xa que a revolución é necesaria.

Recibido o 24 de xuño de 2008
[Voltar ao inicio desta nova]