( e antes….outra pregunta )
Liberdade defínese como a capacidade de autodeterminación.
Ser libres supón poder decidir integralmente sobre a nosa vida, sen máis limitacións que as libremente elixidas na liña da nosa propia identidade (esa liña de avance vital persoalmente asumida).
Non sería posibel pensar en liberdades colectivas na marxe das liberdades persoais.
Non é posibel a liberdade de elección no exterior, o político, o institucional na marxe dunha libre elección das relacións sociais, as relacións de produción e en definitiva de dominación; entre os integrantes dunha sociedade. Non pode ser libre unha nación se no seu interior permanecen as relacións de dominación.
Por todo iso, e sabendo das posibilidades, os imprevistos e os puntos febles da cadea de cambios, podemos analizar unha mudanza puntual na historia, en relación ao desenvolvemento, libre ou hipotecado, de todo o proceso.
NECESITAMOS SER MÁIS LIBRES PARA SER TOTALMENTE LIBRES.
A longa experiencia que nos precede, explica como violencia e política foron elementos consubstanciais da dialéctica entre dominantes e dominados, que transcende a historia da humanidade. Non se pode sequer mencionar a palabra“ética”ignorando esta incontestabel e desproporcionada realidade.
Pero nestes tempos de utilitarismo e pragmatismo (ideoloxías de poder); tamén a “moral” ten o seu valor de troco. E a “falsa contradición” elaborada nos laboratorios do estado e propagada ata a saciedade polos seus aparellos ideolóxicos (PP, PSOE e…) callou até a medula do mundo político recreando unha realidade virtual en que, se sataniza como “terrorismo”o que se enfronta, ou puidese se enfrontar, o que non se aliña ou non comulga incondicionalmente cos parámetros dos “demócratas do eixo do ben”. As falacias mil veces repetidas polo poder mediático contribuíron a esta “ética unilateral”; último triunfo do vello Leviatán substituto de deus e fonte de toda moral e dereito, que esixe da sociedade civil a submisa adhesión ás súas sentencias e condenas.
E Euskal-Herria continúa loitando por un espazo de liberdade, ao igual que aquela patria que Marx quería, para os traballadores sen patria, no Manifesto de 1848.
Non é esta a auténtica contradición que se necesita expoñer, para resolver o contencioso vasco?
A redución simplista a un asimétrico enfrontamento entre “demócratas e violentos”, nascida nas cavernas do estado, só tiña un plan; rachar unha fronte vasca non asimilabel polo estado, e desviar a atención para criminalizar un proceso de liberación.
Asumir a falsa contradición, ou non acertar co auténtico centro do contencioso, o que nos enfronta aos vascos con Estados, que non permiten realizar libremente a “libre vontade de todos os vascos sen exclusións territoriais”; sería unha tráxica irresponsabilidade histórica.
Soamente unha maxistral inversión da realidade, podía crear a cómica imaxe da “heroica guerra de reconquista” dun Estado “vítima de ETA”, de altos dignatarios, xuíces independentes e pobres empresarios acorralados. As cutres cátedras de tertulianos comprados e encirrados polo sistema, fixeron o seu traballo de voceiros. As “obediencias debidas” de mornos opositores, nesa liña xeral de travestismo son un ridículo fin para históricas formacións nascidas para dignas causas.
Non esqueceremos que a falsa contradición entre bos e malos, serviu naquel 1936 para enfrontar a unha parte de Euskal-Herria coa outra, reabrindo a diferenza institucional entre a comunidade foral e a autónoma. Serviu para facer retroceder 60 anos a historia do noso povo, creando unha fenda entre herrialdes, aínda non superada.
Enganarse neste contexto histórico, e percorrer pragmaticamente, por falso pacifismo ou por razóns de estado, a camiños sen saída, sería botar ao lixo da historia un capital irrepetibel de loitas e esperanzas.
E ANTES…OUTRA PREGUNTA
A chamada nación española inventada durante o XIX, sobre os tizóns, en parte apagados, de vellos povos sometidos por reis falsarios, Austrias e Borbóns; mantivo ao longo de 2 séculos a súa traxicómica identidade entre querer e non poder ser.
A pobre realidade dun proxecto que ao cabo de 200 anos se pregunta histericamente pola súa identidade foi unha traxedia para españolitos e non españolitos, para súbditos, para cidadáns e para povos sometidos. Os que onte defenderon a “democracia orgánica”, os que hoxe defenden “a constitucional” apreíxanse histericamente ao mito dunha eternidade sen fundamento no espazo nin no tempo.
Aqueles intentos iniciais da nación española cos proxectos constitucionais de 1808 en Bayona e 1812 en Cádiz feitos á francesa baixo o control de nobres terratenentes e bispos de Corte, non foron admitidos polo pobo vasco que vía en súas vellas liberdades a única alternativa ao novo centralismo.
Ningunha das numerosas constitucións españolas durante máis dun século foron aprobadas, nin sequera votadas polos vascos dos 4 herrialdes.En Euskal Herria vivíronse longos períodos de insurxencia armada e civil.
Pasaron as carlistadas que fixeron sentir sobre este povo a verdadeira cara dun estado, como anteriormente ocorrería desde o Edicto de Unión en 1630 á outra beira do Pirineu.
Coñecemos a traizón de Bergara con que se pretendeu enganar con aquela promesa de “paz e foros”.Logo a lei de 1839 e os posteriores decretos de 1841 desposuiron aos catro herrialdes dos atributos fundamentais das vellas liberdades-o paso foral e as aduanas-e a Lei paccionada castraba os foros do “vello reino”, hoxe reducido a provincia.
E voltaron a enganar coas promesas de Amorebieta (1872), e máis tarde (¡Ollo! agora) co hoxe vixente Réxime de Concertos económicos daquel Cánovas, tristeiro protagonista da Lei Abolitoria de 1876, pactando coa oligarquía biscaíña, e decidindo o derrubo definitivo das vellas liberdades vascas.
Mais ningunha das Constitucións españolas –o amosan os enfrontamentos armados e as sucesivas eleccións no s. XIX- tivo o mínimo consenso entre os vascos dos 4 herrialdes.
A “LIBRE ADHESIÓN” dos vascos dunha e outra beira do Pirineu aos estados francés e español supuxo demasiado sangue; desde Noain até hoxe, pasando por machinadas, carlistadas, levantamientos en Zuberoa.....e coas máis recentes persecucións (fusilamientos, cárceres, estados de excepción, torturas, peches de periódicos, ilegalizacions de partidos....) desde o 36 ata o 77, e ata hoxe.
Confírmase aquela afirmación de Caro Baroja “o auténtico protagonista da historia vasca é a violencia”.
Sentímolo profundamente polos nosos irmáns, os traballadores españois e franceses, con quen nos une, non pertencer a unha mesma nación, mais si, estar sometidos aos mesmos centros de dominación.
Non semella que os que xestionan a continuidade da democracia franquista e teñen cruñado con Pacto de Estado o seu compromiso nacionalista español poidan habilitar saída algunha para o contencioso. Os últimos anos son un retorno progresivo ás orixes autoritarias, pretendendo atopar naquilo a súa identidade frustrada.
Porén ao tempo que Euskal Herria se perfila como causa da gran frustración española, a resposta dese estado está contribuíndo á pusilanimidade dos que solapan a súa morneza en máis de 100 anos de cumprimento da legalidade vixente.
Na marxe dos discursos contrapostos entre dirixentes do PNV que desorientan e rematarán desmotivando ao nacionalismo de base; xórdenos a dúbida historicamente xustificada.
Cremos a Ibarretxe ou a Urkullu, Ortúzar, Bilbao, Azkuna…?
Que hai tras do aparente pulso entre Madrid e Gasteiz?
Tras das experiencias de Lizarra Garazi e de Loyola non podemos anticipar ningún optimismo cos que se baixaron do tren cando se poñía en marcha. Moi posibelmente algúns sectores nacionalistas populares, e o propio lehendakari, estean dispostos a procurar a saída incluso na marxe das orientacións do seu partido. Pero este povo necesita seguridade, saber que esta última proposta do goberno de Lakua non é un amago máis de curto percorrido baixo a repetida desculpa do “non nos deixan”.
Non somos xuíces aprendices de deuses, somos unha parte en loita, e necesitamos analisar a actual conxuntura, procurar ver perspectivas esperanzadoras para Euskal Herria e loitar para facelas realidade.
E todo iso esíxenos ser libres, libres para ser universais, para sentir desde embaixo, cos de embaixo, para abrir novos camiños e sobre todo para non admitir imposicións lexislativas ou constitucionais de estados dominantes e estranos. En definitiva queremos ser libres.
Soamente cunha estratexia global se pode asumir dialecticamente este paso, como tal, na construción de Euskal Herria. Por iso nunca admitiremos a “falsa formulación ética” e consecuente condena reducionista dos “métodos violentos”sen antes confirmar que, “toda violencia nace da dominación” e sen expresar que a orixe e reprodución desta violencia é a raíz da formación social (Estado) en que vivimos.
Se nos poden facer 2 e mil preguntas. Nunca poderiamos pechar co noso silencio un só paso para a liberdade. Porén que non se nos volva a enganar, que se explique a cuestión desde o principio, que non se reduza o problema á negación dunha das partes, e que non se nos pregunte en van.
Nós tamén preguntamos: Están dispostos a seguir xunto ao pobo cando os poderes do estado respondan por todos os medios á palabra de Euskal Herria?
Komunistas de Euskal Herria-Euskal Herriko Komunistak.
En Euskal Herria a 25 de Xuño de 2008 [Voltar ao inicio desta nova]