ESTADOS UNIDOS: AS ELECCIÓNS DO 4 DE NOVEMBRO

Fidel Castro Ruz

Ante a crise financeira desatada e as súas consecuencias, aos cidadáns norteamericanos preocúpalles máis nestes intres a economía que a guerra de Iraq. Desacóugaos a preocupación polos seus postos de traballo, a seguridade dos aforros depositados nos bancos, os fondos da xubilación; o temor de perder o poder adquisitivo do seu diñeiro e as vivendas onde residen cos seus familiares.

O 4 de novembro vai ser un día de grande importancia. A opinión mundial estará atenta ao que en Estados Unidos ocorra coas eleccións. Trátase da nación máis poderosa do planeta. Con menos do 5 por cento da poboación do mundo succiona cada ano enormes cantidades de petróleo e gas, minerais, materias primas, bens de consumo e produtos sofisticados procedentes do exterior; moitos deles, en especial os combustíbeis e os extraídos das minas, que non son renovábeis.

É o maior produtor e exportador de armas. O complexo militar industrial conta, ademais, cun insaciábel mercado no propio país. As súas forzas aéreas e navais concéntranse en ducias de bases militares situadas no territorio doutras nacións. Os foguetes estratéxicos de Estados Unidos, portadores de cabezas nucleares, poden alcanzar con total precisión calquera punto do mundo.

Moitas das mellores intelixencias do planeta son subtraídas dos seus países de orixe e postas ao servizo do sistema. É un imperio parasitario e saqueador.

Como ben se sabe, a poboación negra introducida a través da escravitude no territorio de Estados Unidos ao longo de séculos, é vítima dunha forte discriminación racial.

Obama, candidato demócrata, é en parte de orixe negra, e nel predominan a cor escura e outros trazos físicos da devandita raza. Puido estudar nun centro de educación superior onde se graduou con notas brillantes. É sen dúbida máis intelixente, culto e ecuánime que o seu adversario republicano.

Analizo as eleccións do día 4 cando o mundo sofre unha grave crise financeira, a peor desde os anos 30, entre outras moitas que ao longo de máis de tres cuartos de século afectaron seriamente a economía de numerosos países.

Os órganos internacionais de prensa, os analistas e comentaristas políticos, empregan parte do tempo no tema. Considérase a Obama como o mellor orador político de Estados Unidos nas últimas décadas. O seu compatriota Toni Morrison, Premio Nobel de Literatura do ano 1993, a primeira da súa etnia nada en Estados Unidos que obtén ese laureado título, e excelente escritora, cualifícao de futuro Presidente e poeta desa nación.

Dei en observar a loita entre ambos os contendentes. O candidato negro, que tanto abraiou ao obter o seu nomeamento na pugna fronte a fortes adversarios, ten ben articuladas as súas ideas e bate unha e outra vez con elas na mente dos votantes. Non vacila en afirmar que por riba de todo, máis que republicanos e demócratas, son estadounidenses, cidadáns que cualifica como os máis produtivos do mundo; que reducirá os impostos á clase media, na que inclúe a case todos; eliminarállelos aos máis pobres, e elevarállelos aos máis ricos. Os ingresos non estarán destinados a salvar os bancos.

Reitera unha e outra vez que os gastos ruinosos da guerra de Bush en Iraq non deben ser custeados polos contribuíntes norteamericanos. Poralle fin e traerá de regreso aos soldados de Estados Unidos. Se cadra, tivo presente que ese país nada tivo que ver cos atentados terroristas do 11 de setembro de 2001. Custou o sangue de millares de soldados de Estados Unidos, mortos ou feridos nos combates, e máis dun millón de vidas a esa nación musulmá. Foi unha guerra de conquista imposta polo imperio en busca de petróleo.

Ante a crise financeira desatada e as súas consecuencias, aos cidadáns norteamericanos preocúpalles máis nestes intres a economía que a guerra de Iraq. Desacóugaos a preocupación polos seus postos de traballo, a seguridade dos aforros depositados nos bancos, os fondos da xubilación; o temor de perder o poder adquisitivo do seu diñeiro e as vivendas onde residen cos seus familiares. Desexan a seguridade de recibir en calquera circunstancia os servizos médicos axeitados e a garantía do dereito a que os seus fillos reciban educación superior.

Obama é desafiante, penso que correu e correrá crecentes riscos no país onde un extremista pode adquirir por lei unha arma sofisticada moderna en calquera recanto como na primeira metade do século XVIII ao Oeste do territorio de Estados Unidos. Apoia o seu sistema e apoiarase nel. A preocupación polos atafegantes problemas do mundo non ocupan realmente un lugar importante na mente de Obama, e moito menos na do candidato que, como piloto de guerra, descargou ducias de toneladas de bombas sobre a cidade de Hanoi, a máis de 15.000 quilómetros de Washington, sen remorso ningún de conciencia.

Cando o pasado xoves 30 lle escribín a Lula, expreseille textualmente na miña carta: "O racismo e a discriminación existen na sociedade estadounidense desde que naceu, hai máis de dous séculos. Negros e latinoamericanos foron alí sempre discriminados. Os seus cidadáns foron educados no consumismo. A humanidade está obxectivamente ameazada polas súas armas de destrución masiva."

"Ao pobo de Estados Unidos preocúpalle máis a economía que a guerra de Iraq. McCain é vello, belicoso, inculto, pouco intelixente e sen saúde."

Finalmente engadinlle: "Se os meus cálculos estivesen equivocados, o racismo de todos os xeitos se impuxese e o candidato republicano obtivese a Presidencia, o perigo de guerra incrementaríase e as oportunidades dos pobos para saír adiante reduciríanse. Malia todo, hai que loitar e crear consciencia sobre isto, gañe quen gañe esas eleccións."

Cando esta opinión que sosteño se publique, ninguén terá xa tempo para dicir que escribín algo que poida ser utilizado por algún dos candidatos en favor da súa campaña. Debía ser, e fun, neutral na contenda electoral. Non é "unha inxerencia nos asuntos internos de Estados Unidos", como diría o Departamento de Estado, tan respectuoso da soberanía dos demais países.

[Artigo tirado do xornal cubano ‘Granma’, do 4 de novembro de 2008] [Voltar ao inicio desta nova]