A historia está chea de exemplos de movementos progresistas que ao non se converter en revolucionarios perden a oportunidade histórica da mudanza política e somerxen aos novos sistemas en reaccionarios. A transición española é un exemplo do cancro que devorou a todas as forzas políticas que apoiaron a fórmula de mudar algo para que nada mude: PSOE, PNV, IU son cadáveres baleirados pola aperta ao franquismo. O estado impuxo as súas regras. España debe ser unha, grande e libre para quen acepte estes principios. E na súa defensa e consecución, o poder executivo, xudicial e lexislativo son un e trino. A Santísima Trindade feita carne.
Xa sabemos que o fanatismo e a sinrazón campa polos nosos vastos cerebros bascos, que o noso obxectivo non é outro que o de rachar a convivencia dos homes e mulleres do País Vasco. Dio o Concello do meu pobo, que se jacta de continuar aprofundando nos valores da paz e a tolerancia, na lembranza e respecto permanente ás vítimas do terrorismo. E segue gardando un respectuoso silencio sobre as vítimas dos fascistas, que en 1936 masacraron a povoación e reduciu a entullo a cidade.
En tempos de Franco, a democracia era en voz baixa, cousa de todos e todas. Hoxe en día, a democracia é cousa de moitos algúns. Algúns que viven do conto, algúns que contan os contos, algúns que negocian destrución permanente, algúns que compran trens e avións de alta velocidade, algúns que venden armas ou sufrimento segundo o mellor ofertante do momento, algúns que se uniforman en nome de… E todos cos seus propios altofalantes, liberdade de prensa chámano, aínda que sexan catro empresas quen xestionen o negocio do berro demócrata que chega ata os ceos. Mentres, a maioría silenciosa cala e atende os ruxerruxes de lixo televisiva coma se lles fose a vida naquilo. E o triste é que así perden a vida e consumen os anos.
A diferenza entre a maioría silenciosa dos tempos de Franco e a actual reside na súa actitude. Antes esperta diante do engano evidente, agora somatizada diante da evidencia do engano.
Tal vez xa que logo, ficamos os poucos dos outros, uns poucos que protestan e manteñen a utopía dun futuro mellor, uns poucos que se manifestan en contra das guerras, uns poucos os que avogan por un modo de vida máis ecolóxico, uns poucos que cooperan en contra da desigualdade económica no mundo, uns poucos que se opoñen a infraestruturas que condenan a morte o planeta, uns poucos que loitan por salvar os acenos de identidade dos pobos indíxenas dos cinco continentes. Todos eses poucos, mellor calalos. Esíxeo o estado de dereito imposto e os valores de paz e tolerancias vixentes.
En tempos de Franco, algúns e algunhas utópicas berrabámolo á carreira. Había que correr para non ser detido. Agora non acontece acaso o mesmo? Naquel entón, ninguén reivindicaba a democracia. Seguramente porque o réxime se autoproclamaba demócrata. Democracia orgánica, chamábana. Xa que logo, berrabamos «Askatasuna», «Independentzia», «Amnistía», que eran as esencias libertadoras. Liberdade para elixir, nun país propio, sen presos políticos.
Hoxe en día, a falta de liberdades democráticas, de diálogo político e de tolerancia disfrazáronse de estado de dereito. Deteñente e encarcelante con máis facilidade e lixeireza que nos mismísimos tempos de Franco. Se non, comparen as condeas por facer unha pintada ou romper os cristais dunha entidade bancaria en tempos de Franco e as de hoxe en día. Iso sen contar a viaxe á capital do reino e a máis que probabel gornición de sopapos que te endiñan polo camiño. Naqueles tempos a ración de hostias era a mesma. Dábanchas aquí e curábalas en Martutene, Iruñea, Nanclares ou Basauri. Hoxe en día cúralas en Madrid reposte delas en Extremadura ou Andalucía.
Entón tiñamos algúns partidos aceptados e outros na ilegalidade. Non avanzamos demasiado. E para colmo a regresión sen tapuxos comezou. Batasuna, primeiro. EHAK e ANV agora. Que partido será o seguinte? O espazo do debate político vaise reducindo e xa Ibarretxe é supersospeitoso.
Poren, a autenticidade, a identidade do ser, sempre se atopa na acción política, nunca nos discursos. Máis alá das palabras, hoxe son días nos que nos toca á cidadanía saír á rúa a seguir correndo, a seguir berrando, a seguir sorindo, porque as detencións e o cárcere son a esperanza do cámbio. Seguiremos avanzando e a mañá vén axiña.
Tomás Karrera Juarros [Voltar ao inicio desta nova]