A mellor maneira de entendelo sería ordenar cronoloxicamente os acontecementos máis importantes do proceso de apelación a partir do seu comezo, con algún comentario adicional a maneira de explicación.
Cando comezou o proceso de apelación?
O primeiro paso do proceso apelativo prodúcese durante o mes de Decembro de 2001. Os cinco foron sentenciados pola xuíza federal Joan A. Lenard, quen celebrara o xuízo, na Corte Federal do Distrito Sur da Florida, na cidade de Miami. As Regras de Apelación establecen que para dar comezo a un proceso apelativo contra a sentenza ditada por un xuíz federal de Distrito débese apresentar, diante da propia corte onde tivo lugar o xuízo, unha Notificación de Apelación. O prazo para apresentar esta notificación é, dez días posteriores á data de ditada a sentenza e non é necesaria unha argumentación de razóns, é suficiente coa clara manifestación de inconformidad do sentenciado. Fai 5 anos con 7 meses comezou o proceso de apelación contra as sentenzas impostas aos cinco.
Que corte debe resolvelo?
Atendendo ao ordenamento da administración de xustiza nos Estados Unidos corresponde ás cortes de “circuito” revisar os procesos celebrados nas cortes de distrito, de tal forma a corte de apelacions do Onceno Circuíto de Atlanta, pola división xeográfica do sistema xudicial, é a encargada da revisión dos asuntos tramitados na corte federal do distrito sur da Florida ao ter baixo a súa xurisdición apelativa os procesos tramitados nas cortes federais dos estados de Xeorxia, Alabama e Florida.
Unha vez recibida a documentación na corte de apelacions de Atlanta foi constituído o panel de tres xuíces integrado polo señor Stanley Francis Birch, Jr., designado xuíz federal polo presidente George Busch no ano 1990 quen se desempeña como xuíz do Onceno Circuíto, a xuíza Phyllis A. Kravitch, instituida xuíza federal en 1979 polo presidente Carter e tamén xuíza do Onceno Circuíto. Completou o panel o xuíz James L. Oakes, convidado a este caso aínda que se desempeña como xuíz no Segundo Circuito de apelacions. É práctica frecuente o convite a xuíces experimentados doutros circuítos para integrar paneis no onceno, este é o caso do Sr. Oakes.
Estes tres foron os xuíces federais de apelación designados para revisar as alegadas violacións da lei no proceso seguido na corte de Miami na sala da xuíza federal do Distrito Sur da Florida Joan A. Lenard.
Razóns para apelar
Unha vez constituído, o panel estableceu períodos de tempo para que a defensa presentase os seus escritos de apelación e o goberno os respondese.
Neste momento tivo lugar unha das tantas manobras do goberno norteamericano para poñer obstáculos á defensa dos cinco. Sen ningunha xustificación, co pretexto da ilegal invasión a Iraq, os acusados, que se atopaban en cárceres distintas e afastadas entre si, foron levados a celas de confinamento solitario alegando unha vez mais a levada e traída protección da seguridade nacional, coma se fose posible que a partir das prisións e logo de cinco anos de arresto os acusados puidesen cooperar coas forzas da resistencia iraquiana. Baixo unha disposición especial relacionada coa defensa foron levados a celas de castigo en confinamento solitario cada un na súa prisión anunciándolles que esta medida se establecía polo período dun ano prorrogabel en anos sucesivos indefinidamente. Prohibíaselles a comunicación cos seus avogados, cos seus familiares e cos funcionarios consulares de Cuba nos Estados Unidos. A medida foi tomada no preciso momento en que os avogados estaban perfilando os seus escritos e intercambiando criterios cos seus representados. A inmediata reacción da solidariedade dentro e fóra dos Estados Unidos logrou que esta situación se estendese soamente polo período dun mes.
O panel tivo entón coñecemento dos motivos legais da apelación, baseado nas violacións da lei cometidas polo goberno e a corte durante a celebración do xuízo en Miami. Cada un dos argumentos merecería un extenso análises, pero en aras do espazo resúmense da seguinte forma.
1) Erro da xuíza ao celebrar o xuízo cun xurado seleccionado na comunidade de Miami en violación da Sexta Emenda da Constitución dos Estados Unidos. A emenda establece que todo acusado ten o dereito a ser xulgado por un xurado imparcial. A imparcialidade defínese como a ausencia de prexuízos dos posibles membros do xurado para o acusado co elemento adicional de que non exista sobre o xurado ningunha influencia externa. A partir do comezo do proceso os avogados solicitaron cambiar a sede do xuízo e seleccionar un xurado nunha cidade próxima pero distinta a Miami no que fai a fortes opinións adversas en temas relacionados con Cuba agregándose unha prensa extremadamente hostil contra os cinco que podían afectar a imparcialidade pola súa influenza sobre os membros do xurado. A pesar da evidencia presentaba en soporte a esta solicitude a xuíza rexeitou a petición dos avogados da defensa.
2) Mala conduta dos representantes do goberno – enténdase fiscais- durante a presentación do seu caso diante do xurado xa que dirixiron a súa actuación fundamentalmente a acender os sentimentos políticos do xurado e atizoar os prexuízos da comunidade contra os acusados, facendo comentarios indebidos e representando incorrectamente e de maneira intencional os feitos e as evidencias presentadas no proceso, indicándolle aos membros do xurado que era o seu deber patriótico condenar aos acusados independentemente do que mostrase a evidencia e das condenas que se impuxesen.
3) Insuficiencia de evidencias para declarar culpable do delito de conspiración para cometer asasinato en primeiro grao ao acusado Gerardo Hernández Nordelo. Este cargo relaciónase co derrubamento de dúas avionetas da organización Irmáns ao Rescate despois de repetidas violacións do espazo aéreo de Cuba desde 1994 ata Febreiro de 1996 interferindo as comunicacións das torres de tráfico aéreo coa aviación comercial que entraba e saía de Cuba nos momentos de aterraxe e despegue das aeronaves. Amais disto, durante os seus voos a moi baixa altura sobre lugares céntricos da capital cubana lanzaban obxectos desde o aire en violación das normas de aviación. Despois de anunciar o xefe da organización que repetiría a súa Acción ilegal o día 24 de febreiro de 1996, o goberno cubano advertiu publicamente a súa decisión de poñer fin a estes actos violatorios do seu espazo aéreo.
O goberno dos Estados Unidos recibiu mediante nota diplomática a notificación da decisión do goberno de Cuba e non impediu, como era o seu deber, que desde territorio dese país despegaran tres avións con propósitos ilegais coñecidos. O goberno de Cuba en exercicio da soberanía sobre o seu territorio derrubuou aos dous avións que penetraron ao seu territorio. O pilotado polo sr. José Basulto non foi derrubado pois mantívose no límite das augas internacionais e cubanas tomando rumbo norte inmediatamente despois que foron derrubados os outros dous avións. Se ben é certo que dentro das tarefas de Gerardo Hernández estaba a de vixiar as accións deste grupo terrorista, a evidencia demostrou claramente que non ten ningunha relación coa decisión do goberno de Cuba e moito menos conspirou con este para dar morte a persoa algunha en augas internacionais, como require o delito. Os propios representantes do goberno recoñeceron, nunha moción de emerxencia dirixida á corte de Atlanta co propósito de modificar as instrucións da xuíza ao xurado sobre os elementos do delito, de acordo á lei e os precedentes xudiciais, ao expresarse no seu escrito.."
Que á luz da evidencia presentada impónsenos un obstáculo insuperable que pode derivar na absolución do acusado". Relacionado con este cargo, tamén se esta apelando a falta de xurisdición da corte para xulgar este feito á luz da Lei de Inmunidade de Soberanía Estranxeira, que non permite xulgar nese país a acción do goberno dun estado soberano, como é o caso do derrubamaento das avionetas por parte da forza aérea cubana en exercicio dun acto de soberanía en defensa do seu espazo aéreo, como demostra a evidencia.
4) Insuficiencia de evidencia para sancionar aos acusados Gerardo Hernández, Ramón Labañino e Antonio Guerrero como autores do delito de conspirar para transmitir a Cuba información relacionada coa defensa nacional dos Estados Unidos. As declaracións das testemuñas presentados no xuízo pola fiscalía e pola defensa, coinciden en que non hai por parte de Cuba solicitude algunha de procura de información de defensa nacional, non hai ningunha acción de algún dos acusados que os leve a unha posición onde poidan obtela e non se lles atopou ningunha información desa clasificación. Segundo os testemuños de especialistas en intelixencia toda a información obtida e solicitada é de carácter público polo que non tipifica o delicto de conspiración para cometer espionaxe.
As instrucións impartidas pola xuíza Lenard ao xurado expoñen que para que se cometa este delito deben darse os seguintes elementos:
a. A información involucrada debe estar relacionada coa defensa nacional.
b. Información de defensa nacional é aquela sobre a que o goberno fai especiais esforzos para a protexer do descubrimento público.
c. Que o acusado actuou coa intención ou con motivo para crer que a información podería danar aos Estados Unidos ou dar vantaxe a outra nación sobre os Estados Unidos.
d. O goberno debe probar que tiña especialmente protexida a información involucrada. e. Se a información foi feita pública e se atopase en fontes legalmente dispoñibeis ao público en xeral non esta relacionada coa defensa nacional.
f. Cando as fontes de información son legalmente dispoñibeis ao público e os Estados Unidos non fixeron esforzos para protexer esa información esta non se relaciona coa defensa nacional.
Non obstante o xurado declarounos culpabeis ignorando o peso da evidencia e as disposicións da lei.
5) Aplicación ilegal ao caso dunha lexislación especial para procesos que conteñan información de seguridade nacional. A solicitude do goberno foi aprobada pola corte a partir do comezo do proceso. Refírese á Lei de Procedemento de Información Clasificada coñecida como CIPA polas súas siglas en ingles, (Classified Information Procedures Act). Puxo en poder do goberno toda a evidencia limitando o acceso dos avogados á mesma durante a fase de preparación de xuízo. Prohibiu aos avogados, mediante unha orde protectiva do corte, intercambiar criterios sobre a evidencia á que cada letrado tiña acceso autorizado polo goberno.
Os avogados para participar no xuízo necesitaban o visto e prace do goberno. Ramón Labañino permaneceu sen avogado durante 8 meses; Eric Cohen, quen fora designado pola corte desde setembro de 1998 para o seu defensa, en maio de de 1999 non recibira autorización polo goberno para acceder á evidencia o cal provocou a súa solicitude de renuncia ao caso mediante escrito datado o día 20 dese propio mes. A súa renuncia foi admitida pola corte e saíu do caso sen ver unha soa evidencia do proceso. Meses máis tarde, en novembro, o goberno recoñeceu que en toda a documentación do caso non existía unha soa evidencia ocupada aos acusados que estivese relacionada coa seguridade nacional. A aplicación deste procedemento foi unha manobra do goberno para influír, na corte primeiro e diante do xurado despois, no sentido de que se estaba tratando un caso relacionado con actividades de espionaxe.
6) Indebida denegación por parte do corte, diante da solicitude da defensa de instruír ao xurado sobre a doutrina legal de xustificación e necesidade. Isto refírese a que os avogados defensores no momento oportuno pretenderon demostrar diante do xurado que os cinco estaban nos Estados Unidos como consecuencia das accións terroristas cometidas contra Cuba e as mortes, lesións e danos materiais que estas causaron, unido á falta de acción das autoridades dos Estados Unidos para poñer fin a estas actitudes delituosas, baixo o Acta de Neutralidade, disposición legal dese pais que prohibe e sanciona os que desde territorio norteamericano planifiquen organicen ou executen algunha acción contra outro país ao cal non se lle declarou oficialmente a guerra. Esta doutrina implica que o acusado ten ao seu cargo presentar ao xurado as probas que demostren a alegada xustificación ou necesidade de seu actuar. A xuíza negou a partir do comezo do proceso a posibilidade á defensa para apresentar as súas probas e ao final non instruiu ao xurado para que avaliase o caso ao aveiro desta doutrina de dereito.
7) Erro na aplicación das guías de sentenza. A xuíza, no momento de ditar a sentencia, ignorou as pautas federais para a imposición de sentencia impoñendo as condenas máis altas sen estar legalmente autorizada para iso. Como exemplo, na condena para o delicto de conspiración para cometer espionaxe condeou a prisión perpetua, que é a pena que corresponde a quen obtén a información relativa á defensa nacional, a transmite ao goberno estranxeiro e lle causa un serio dano aos Estados Unidos. Impuxo estas desproporcionadas condenas a pesar de que a evidencia aceptada en corte e as declaracións dos especialistas expoñen que non hai involucrada no caso ningunha información de defensa nacional.
8) Obtención por parte do goberno de evidencia antes do arresto, violando as disposicións da lei mediante rexistros ilegais non autorizados nos domicilios dos acusados. A xuíza denegou as mocións apresentadas pola defensa para suprimir esa evidencia.
9) Durante a selección do xurado o goberno utilizou un patrón racial para que eliminase posibles membros do mesmo pola soa condición de ser negros. A xuíza denegou as mocións da defensa para impedir que o goberno continuase esa práctica ilegal coñecida como Violación Batson en referencia a un precedente xudicial establecido nun proceso anterior.
Decisión do tribunal
Despois de celebrar unha vista de argumentación oral o día 10 de Marzo do ano 2004, onde as partes responderon ás preguntas dos xuíces sobre os temas principais da apelación e estes, revisar a evidencia e documentación do caso, o panel ditou sentenza, que foi publicada o día 9 de Agosto de 2005. Nesta decisión soamente responderon ao primeiro dos elementos apresentado pola defensa, o relacionado coa sede ou lugar onde se celebrou o proceso.
Nela expresan:
Que os fortes prexuízos da comunidade de Miami contra Fidel Castro, o goberno de Cuba e os seus axentes, a publicidade arredor do xuízo e outros eventos da comunidade (o caso de Elián González) combináronse de maneira tal, que criaron unha situación onde fose imposibel para aos acusados recibir un xuízo xusto e imparcial. Por tal motivo revocan as condeas e envían o caso para novo xuízo.
Segundo a opinión dos xuíces, o proceso celebrouse baixo o que eles chamaron, unha tormenta perfecta conformada polos prexuízos da comunidade contra os acusados, a forte publicidade antes e durante o xuízo e as manipulacións do goberno e algunha das súas testemuñas con expresións indebidas diante do xurado co claro obxectivo de reanimar eses prexuízos. Recoñecen ademais que os avogados presentaron suficiente evidencia nas súas solicitudes para que o xuízo fose cambiado de sede polo cal debeu outorgarse por parte da xuíza a súa solicitude de traslado a outro lugar.
En adición alegan que tomando en consideración que revocan as condeas e dispoñen novo xuízo, non resolverán as demais cuestións expostas na apelación.
En resumo, de todas as cuestións expostas pola defensa dos cinco, o panel de tres xuíces decidiu soamente sobre a relacionada coa sede do xuízo que era a principal solicitude ao tratarse dunha violación constitucional.
Unha apelación excepcional
De acordo ás Regras Federais do Procedemento Criminal nos Estados Unidos, a revisión da decisión do panel de apelacions non é favorecida e en consecuencia esta debeu ser acollida polas partes, enviando o expedente novamente á corte de Miami para celebrar un novo xuízo nunha sede onde non existisen as condicións de hostilidade contra os acusados, que concorren nesa cidade. Debeu respectarse o mandato dos xuíces.
Non obstante o anterior, a oficina do Fiscal Xeral dos Estados Unidos dirixiu unha solicitude de reaudiencia excepcional ao pleno de xuíces da corte de apelacions de Atlanta para que fose reanalizada a decisión do panel. O pleno intégrano un total de doce xuíces.
Ao se cumprir un ano exacto de terse revogado as condeas, o 9 de agosto do 2006, o pleno de xuíces da corte de apelacions de Atlanta, por decisión maioritaria de 10 contra 2, deixou sen efecto a disposición dos tres xuíces federais designados para ventilar a apelación e dispuxo que as actuacións voltasen a estes para que decidisen sobre as cuestións que non foran resoltas o 9 de agosto de 2005.
A pesares da inconformidad dos acusados con esta decisión non é posibel discutila nestes momentos diante da Corte Suprema dos Estados Unidos pois as regras procesais establecen que mentres fiquen cuestións pendentes na corte de apelaciones de circuíto non se pode levar un asunto perante aquela.
Conclusión: Toda a documentación regresou a mans de Birch, Kravitch e Oakes para que diriman as cuestións pendentes na apelación, que en definitiva son, todas as expostas nos escritos orixinais menos a relacionada co cambio de sede.
Consecuencia: Novos escritos da defensa e dos representantes do goberno dirixidos ao panel, defendendo cada un as súas posicións e o sinalamento dunha nova vista de argumentación oral para o pasado 20 de agosto de2007.
Por outra banda, o paso de tempo determinou a xubilación do xuíz Oakes e no seu lugar foi designado o xuíz William H. Prior Jr., xuíz activo do circuíto de apelacions de Atlanta quen completa o panel.
Que pasou o día 20?
Unha vista de argumentación oral, é mais en beneficio dos xuíces que dos contendentes no proceso. Aínda que os representantes legais da acusación e goberno pretenderon expoñer os seus puntos de vista fundamentais, os xuíces decidiron que aspectos de cada tema desexaban tratar co obxectivo de aclarar as súas dúbidas e tomar posicións como xulgadores despois de ter lido e estudado as razóns expostas polos avogados nos seus respectivos escritos.
Neste sentido, os xuíces resolveron que os elementos a discutir perante eles ese día fosen, en primeiro lugar, o relacionado coa mala conduta do goberno durante o xuízo e posteriormente os relacionados coa falta de evidencias para as condeas nos cargos de conspiración para cometer asasinato e para cometer espionaxe. Así mesmo ordenaron ao goberno apresentar á corte nun prazo de 15 días os documentos selados baixo as disposicións de CIPA aos cales a defensa non tivo acceso a partir do comezo do proceso.
Cada parte contou con 30 minutos para argumentar.
Foi unha tarefa difícil para os expositores. Fronte a eles, un reloxo indicaba o paso do implacabel tempo e foi cambiando de cor. Verde ao comezo, amarelo perto do final e vermello unha vez esgotado. Os xuíces interrompían aos avogados en calquera momento facendo calquera pregunta sobre calquera dos aspectos legais da apelación ou as evidencias do caso e a súa interpretación. En ocasions, preguntaron como o catedrático ao alumno, por momentos usaron a ironía nalgún comentario reflexivo como lanzado ao aire e tamén, asumindo o papel de avogados do diaño, foron incisivos con calquera das partes sen que nada disto signifique un indicativo da decisión que tomasen despois.
Un detalle significativo e importante marcou esta vista de argumentación oral. Máis de setenta observadores internacionais e dos propios Estados Unidos, convocados pola campaña de solidariedade cos cinco, asistiron á audiencia para escoitar de primeira man os argumentos de ambas as dúas partes. Representantes de organizacións internacionais de avogados, deputados latinos, expertos europeus e doutras latitudes e dirixentes de organizacións de solidariedade cos acusados foron testemuñas da falta de resposta da fiscal asistente dos Estados Unidos, Sra. Caroline Heck Miller diante das preguntas dos xuíces relacionadas coa falta de evidencia nos cargos principais polos que foron sancionados os cinco. Ficou claramente evidenciado para todos que non existen evidencias que xustifiquen unha acusación de conspiración para asasinar e que en toda a documentación do proceso non existe apenas unha acción que indique a intención de obter unha información relacionada coa defensa nacional dos Estados Unidos durante a permanencia dos acusados nese país.
Unha vez terminado o exercicio intelectual non houbo decisións. É cuestión de esperar e a lei federal non establece termos para que os xuíces emitan o seu fallo. Calquera ten dereito a crer que xa son demasiados os anos de degradante encerramento para facer xustiza. Por outra banda, dous membros deste panel (Birch e Kravitch) demostráronnos na súa anterior sentenza que están comprometidos co dereito cando revocaron as condeas ao decatarse da violación constitucional cometida contra os cinco ao celebrar o xuízo en Miami e posteriormente opuxeronse vigorosamente, aínda en minoría, á inxusta decisión maioritaria do pleno.
Debatémonos entre dúas ideas de resistencia e esperanza expresadas por dous dos nosos irmáns nos seus alegatos de defensa durante as audiencias onde se lles impuxeron as crueis condenas que estamos apelando.
Unha, de Rene, …" E mentres estes sórdidos anos se van facendo historia e tras unha montaña de argumentos, mocións e tecnicismos, se vai enterrando unha historia de chantaxes, abusos de poder e o mais absoluto desprezo a tan ponderado sistema de xustiza, para pulíla e darlle un brilo que nunca tivo, nós seguiremos apelando aos valores de Washington, Jefferson e Lincoln e á vocación pola verdade do pobo norteamericano con toda a paciencia, a fe e a carraxe que nos pode infundir o crime de ser dignos".
A outra, de Gerardo…"Confío en que se non é neste, nalgún outro nivel do sistema, la razón e a xustiza prevalecerán por riba dos prexuízos políticos e os desexos de vinganza e se comprendera que non fixemos ningún dano a este país que mereza semellante condea. Pero se así non fose, permitiríame repetir as palabras dun dos mais grandes patriotas desta nación, Nathan Hale, cando dixo: "Só laio non ter mais que unha vida para entregar pola miña patria".
O día 20 de agosto de 2007, novamente e por terceira vez, os contundentes argumentos da defensa foron defendidos diante dos xuíces da corte de apelacions do onceno circuíto de Atlanta. Esperamos que se impoñan os valores a que se refire Rene e este panel de xuíces decida, dunha vez e por todas, poñer fin ao sacrificio de cinco homes útiles e das súas valiosas vidas.
Roberto González Sehwerert
Roberto González Sehwerert é avogado e irmán de René González, un dos cinco heroes cubanos prisioneiros en Estados Unidos....[Voltar ao inicio desta nova]