“A Revolución nun momento histórico que esixe ser dialécticos e creadores”
Discurso pronunciado por Raúl Castro Ruz, Presidente do Consello de Estado e de Ministros, nas conclusións da sesión constitutiva da VII Lexislatura da Asemblea Nacional do Poder Popular. Palacio das Convencións,
A Habana, 24 de febreiro de 2008, “Ano 50 da Revolución”.
Non imos deixar de escoitar a opinión honesta de cada quen, que tan útil e necesaria resulta, pola algarabía que se arma, a veces bastante ridícula, cada vez que un cidadán do noso país di algo ao que eses mesmas promotores do espectáculo non farían o menor caso, se o escoitasen noutro lugar do planeta.
Compañeiras e compañeiros:
É claro o mandato do pobo a esta Lexislatura: continuar afortalando a Revolución nun momento histórico que esixe ser dialécticos e creadores, como nos alertou o compañeiro Fidel na súa medular Reflexión do pasado 14 de xaneiro.
Moitas expectativas se xeráron, tanto en Cuba como no estranxeiro, en torno á integración do Consello de Estado que acaba de elixir a Asemblea. A fundamental foi despexada polo compañeiro Fidel na súa Mensaxe do 18 de febreiro. Pouco podo agregar ao expresado por el, agás recoñecerlle ao noso pobo, en nome da Dirección da Revolución, as innumerabeis mostras de serenidade, madurez, confianza en si mesmo e a combinación de xenuínos sentimentos de tristura e firmeza revolucionaria.
Asumo a responsabilidade que se me encomenda coa convicción de que, como afirmei moitas veces, o Comandante en Xefe da Revolución Cubana é un só.
Fidel é Fidel, todos sabémolo ben. Fidel é insubstituibel e o pobo continuará a súa obra cando xa non estea fisicamente. Aínda que sempre estarano as súas ideas, que fixeron posibel erguer o bastión de dignidade e xustiza que o noso país representa.
Só o Partido Comunista, garantía segura da unidade da nación cubana, pode ser digno herdeiro da confianza depositada polo pobo no seu líder. É a forza dirixente superior da sociedade e o Estado e así establéceo o Artigo 5 da nosa Constitución, aprobada en referendo por exactamente o 97,7% dos votantes.
Esa convicción terá particular importancia cando por lei natural da vida, desapareza a xeración fundadora e forxadora da Revolución.
Afortunadamente non é ese o momento que hoxe vivimos. Fidel está aí, como sempre, coa mente ben clara e a capacidade de análise e previsión, máis que intacta, fortalecida, agora que pode dedicar ao estudo e a análise as incontables horas que antes empregaba no enfrontamento aos problemas cotiás.
A pesares da paulatina recuperación, as súas condicións físicas non lle permitirían aquelas interminabeis xornadas, con frecuencia separadas por escasas horas de descanso, que caracterizaron o seu traballo practicamente desde que emprendeu a loita revolucionaria e aínda con maior intensidade durante estes longos anos de período especial, en que non se permitiu sequera un só día de vacacións.
A decisión do compañeiro Fidel é unha nova contribución, co seu exemplo que o enaltece, de cara a asegurar desde agora a continuidade da Revolución, consecuente en quen tivo sempre como guía o precepto martiano: “Toda a gloria do mundo colle nun gran de millo”.
Igualmente é inconmovibel a súa decisión de continuar, mentres teña forzas para facelo, achegando á causa revolucionaria e ás ideas e propósitos máis nobres da humanidade.
Polo tanto, seguro de expresar o sentir do noso pobo, solicito a esta Asemblea, como órgano supremo do poder do Estado, que as decisións de especial transcendencia para o futuro da nación, sobre todo as vinculadas á defensa, a política exterior e o desenvolvemento socioeconómico do país, me permita continuar consultándoas ao líder da Revolución, o compañeiro Fidel Castro Ruz.
Por esta e outras moitas razóns, nas miñas palabras de hoxe citarei, non poucas veces, algunhas das ideas e conceptos esenciais expresados nas súas Reflexións, que aproveito para dicir que debemos estudar, polas súas ensinanzas e capacidade de previsión. Ter presente sempre algo que lle gostaba repetir Raúl Roa aos seus íntimos: “Fidel oe a herba medrar e ve o que está pasando ao dobrar da esquina”.
Compañeiras e compañeiros deputados:
Estou consciente da responsabilidade que entrana diante do pobo a tarefa que se me encarga, e á vez convencido de contar, como até hoxe, co apoio dos que desempeñan responsabilidades de dirección aos diferentes niveis e máis importante aínda, cos meus compatriotas, sen o cal non hai éxito posibel nunha sociedade como a nosa.
A Asemblea, en plena concordancia coa opinión do Buró Político do Partido, elixiu Primeiro Vicepresidente do Consello de Estado ao compañeiro José Ramón Machado Ventura e posteriormente aprobou a súa designación como Primeiro Vicepresidente do Consello de Ministros.
Como expliquei na miña proposta para dito cargo, nas actuais circunstancias é conveniente que o mesmo compañeiro desempeñe, como ata agora, estes dous importantes responsabilidades do Estado e o Goberno.
Non hai dúbidas de que Machado Ventura, pola súa traxectoria e conviccións revolucionarias, experiencia, preparación, cualidades como dirixente e ser humano, reúne os requisitos para desempeñar eses altos cargos.
Igualmente a Asemblea acordou, en cumprimento do establecido no Artigo 75 da Constitución, considerar a composición do Goberno nunha futura sesión no transcurso do presente ano. É unha decisión oportuna, pois non se trata unicamente de nomeamentos, senón de determinar que cambios resulta necesario realizar no sistema de organismos da administración central do Estado, algo que require un pouco máis de tempo.
Nos primeiros 15 anos da Revolución, fóronse axustando desde a marcha as estruturas estatais herdadas do capitalismo para asumir as tarefas que impoñían os radicais cambios económicos, políticos e sociais.
O proceso de institucionalización dos anos setenta, coas súas imperfeccións, permitiu estruturar un sistema coherente e axustado a aquelas circunstancias, alcanzándose certa equiparación co dos países socialistas, incluídas as boas e tamén as malas experiencias.
Por último, no 1994, no momento máis agudo do período especial, fixéronse considerables axustes que comportaron reducións e fusións de organismos, así como redistribución das tarefas dalgúns deles. Non obstante, foron realizados coa présa imposta pola necesidade de axeitarnos de maneira rápida a un escenario radicalmente distinto, moi hostil e sumamente perigoso.
Desde entón transcorreron 14 anos, nos cales cambiou considerabelmente o panorama nacional e internacional. Hoxe requírese unha estrutura máis compacta e funcional, con menor número de organismos da administración central do Estado e unha mellor distribución das funcións que cumpren.
O anterior permitirá reducir a enorme cantidade de reunións, coordinacións, permisos, conciliacións, disposicións, regulamentos, circulares, etcétera, etcétera. Contribuirá ademais a concentrar algunhas actividades económicas decisivas hoxe dispersas en varios organismos, e facer un mellor emprego dos cadros.
En resumo, temos que facer máis eficiente a xestión do noso Goberno.
A Asemblea foi renovada nunha maior proporción que na anterior Lexislatura; o número de mulleres medra máis de sete puntos porcentuais e xa se aproxima á metade dos deputados, algo máis do 43%; aumentan de 23 a 36 os que teñen entre 18 e 30 anos, ou sexa os máis mozos, aínda que tamén son mailos que superan os sesenta.
Algo moi importante, medra o número dos vinculados directamente á produción ou os servizos, é dicir, dos obreiros, campesiños e outros traballadores; tamén dos membros das institucións armadas, os deportistas, artistas, escritores, xornalistas e doutras profesións, que unidos ás dirixentes estudiantís e compañeiros que se desempeñan nos consellos populares, constitúen máis da metade dos deputados.
Datos como estes, xunto á simple relación das tarefas que cumpren cada un de vostedes, desde dirixentes nacionais ata xubilados e líderes relixiosos, permiten afirmar que os aquí reunidos son unha mostra en pequena escala da sociedade cubana.
O anterior constitúe unha premisa básica, pero non asegura por si soa o cumprimento da misión do Parlamento. Requírese ademais, e sobre todo, a actuación intelixente, organizada, creativa e enérxica dos seus integrantes, en particular durante o traballo das comisións, onde se dispón de máis tempo, pois ao centrarse en determinados asuntos permite estudalos mellor e poden intervir máis compañeiros.
Na visita que fixen en decembro pasado ao Distrito de Santiago de Cuba onde foi electo deputado o compañeiro Fidel, afirmei que o apoio masivo á Revolución esixe cuestionarnos canto facemos para melloralo.
E engadín que se o pobo está firmemente cohesionado en torno a un único partido, este ten que ser máis democrático que ningún outro, e con el a sociedade no seu conxunto, que desde logo, como toda obra humana, pódese perfeccionar, pero sen dúbidas é xusta e nela todos teñen oportunidade de expresar os seus criterios, e máis importante aínda, de traballar para facer realidade o que en cada caso acordemos.
Non hai por que temer ás discrepancias nunha sociedade como a nosa, en que pola súa esencia non existen contradicións antagónicas, porque non son as clases sociais que a forman. Do intercambio profundo de opinións diverxentes saen as mellores solucións, se é encauzado por propósitos sans e o criterio exércese con responsabilidade.
Así actuou a inmensa maioría dos cubanos, desde os nosos mellores científicos, intelectuais, obreiros, camponeses e estudantes, ata a máis sinxela ama de casa.
Todos eles, en diferentes momentos da Revolución, incluído o actual, brindaron unha exemplar demostración de madureza política e conciencia da realidade, ao valorar con obxectividade tanto os asuntos de acade estratéxico como as dificultades da vida cotiá, e sobre todo medra a convicción de que a única fonte de riquezas da sociedade está no traballo produtivo, sobre todo cando emprega con eficiencia os homes e recursos.
Os agoireiros internacionais da morte da Revolución intentaron presentar ao seu favor as críticas xurdidas durante o estudo e reflexión do discurso do 26 de xullo en Camagüey, sen comprender que se trataba dun debate crítico dentro do socialismo. Así confirmáron con claridade, poucos meses despois, os resultados das nosas eleccións, que concluíron o pasado 20 de xaneiro.
É certo que tamén hai persoas que falan antes de informarse; que demandan sen valorar se din algo racional ou desatinado. Coinciden, como norma, con quen reclaman dereitos sen xamais mencionar deberes. Como dixo Fidel na súa reflexión do 16 de xaneiro: “esperan milagres de nosa porfiada e digna Revolución”, concluíu.
Non lles negamos o dereito a expresarse, sempre que sexa no marco da lei. Diante dunha formulación dese tipo non podemos ser extremistas, pero tampouco inxenuos.
Cando o motiva o desespero diante dunha dificultade persoal ou é provocado pola carencia de información, debemos ser pacientes e brindar os argumentos necesarios.
Mais se alguén o que pretende é presionar con afán de protagonismo ou animado pola ambición, a demagoxia, o oportunismo, o simulación, a autosuficiencia ou outra debilidade humana de similar carácter, hai que enfrontalo resoltamente, sen ofensas, mais chamando as cousas polo seu nome.
Nunca esquecer que o inimigo segue ao axexo, permanentemente disposto a aproveitar o menor descoido para facernos dano, aínda que haxa quen se empeñe en ignoralo.
Non imos deixar de escoitar a opinión honesta de cada quen, que tan útil e necesaria resulta, pola algarabía que se arma, a veces bastante ridícula, cada vez que un cidadán do noso país di algo ao que eses mesmas promotores do espectáculo non farían o menor caso, se escoitáseno noutro lugar do planeta.
Sabemos que esas mensaxes van dirixidos a enganar ou polo menos crear confusión, pero se alguén tivo a peregrina idea de asustarnos con eles, lémbrolle que a principal razón de que sigamos aquí -e seguiremos estando-, é que o noso pobo e a súa Revolución deron sempre a fronte, sen a menor mostra de temor e enarborando a verdade, ás agresións de todo tipo da maior potencia militar e económica do mundo.
Infinidade de exemplos se poden citar, abonda mencionar a inconmovibel dignidade dos nosos cinco heroes, fronte a cada intento de doblegalos durante unha década de inxusto encarceramento.
Aproveito a ocasión para agradecer, en nome do noso pobo, as incontables expresións de solidariedade, respecto, cariño, alento e lexítima preocupación para co líder da Revolución que emitiron xefes de Estado e de Goberno, partidos políticos, organizacións non gubernamentais, destacados intelectuais e simples cidadáns de todos os confíns do mundo tra-la publicación da súa Mensaxe o pasado martes. Non fallaremos xamais á confianza que eles depositan en nós.
Ao propio tempo, tomamos debida nota das declaracións ofensivas e abertamente inxerencistas do imperio e algúns dos seus máis próximos aliados.
Como era de esperar, o Departamento de Estado apresuróse a anunciar a continuación do bloqueo en correspondencia coa política da actual administración.
Outros, con matices, empéñanse en condicionar as relacións con Cuba a un proceso de “transición” dirixido a destruír a obra de tantos anos de loita.
Que pouco coñecen ao noso pobo, tan orgulloso da súa plena independencia e soberanía!
A Revolución é obra de mulleres e homes libres e estivo permanentemente aberta ao debate, pero nunca cedeu un chisco diante das presións nin se deixou influír por elas, nin polas grandes nin polas pequenas.
Só engadirei que as Reflexións de Fidel, publicadas o venres, son unha maxistral resposta a todas elas.
En relación coas dificultades que o país enfronta no plano interno, a determinación das prioridades e o ritmo da súa solución partirá invariabelmente dos recursos dispoñibles e da análise profundo, racional e colexiado, polos órganos competentes do Partido, o Estado ou o Goberno, e nos casos que sexa necesario, previa consulta directa aos cidadáns que corresponda de calquera sector da sociedade e incluso a todo o pobo, se fóra un asunto de grande transcendencia.
Existen cuestións cuxo estudo require tempo, xa que un erro motivado pola improvisación, a superficialidad ou o apresuramento, tería consecuencias negativas considerables. Hai que planificar ben, pois non podemos gastar máis do que temos, despois organizar e traballar con orde e disciplina, que son fundamentais.
Ao abordar estes asuntos é preciso ter sempre presente a profunda convicción de Fidel, reiterada na súa Mensaxe do 18 de febreiro, de que os problemas actuais da sociedade cubana requiren máis variantes de respostas para cada problema concreto que as contidas nun taboleiro de xadrez. Que nin un só detalle se pode ignorar, e non se trata dun camiño fácil, se é que a intelixencia do ser humano nunha sociedade revolucionaria ten que prevalecer sobre os seus instintos.
Insisto na importancia da disciplina. Todos temos que ser esixentes e apoiar a quen o son. Se é necesario, axudalos a mellorar os seus métodos e apoialos resoltamente diante do colectivo.
Entiéndase que non falo de extremismos nin de aceptar abusos de autoridade ou inxustizas, senón de que todos fagamos correctamente a parte que nos corresponde no fortalecemento da disciplina e a orde social. Do contrario, as consecuencias págaas o noso pobo.
É verdade que hai limitacións obxectivas –coñecémolas ben e sufrimos diariamente tratando de resolvelas canto antes. Somos conscientes dos enormes esforzos que require fortalecer a economía, premisa imprescindible para avanzar en calquera outro ámbito da sociedade, fronte á verdadeira guerra que libra o goberno dos Estados Unidos contra o noso país.
A intención é a mesma desde o triunfo da Revolución: facer sufrir todo o posibel ao noso pobo ata que desista da decisión de ser libre.
É unha realidade que lonxe de amilanarnos debe seguir facendo medrar a nosa forza. En lugar de utilizala como escusa diante dos erros, debe ser acicate para producir máis e brindar mellor servizo, para esforzarnos por atopar os mecanismos e vías que permitan eliminar calquera traba ao desenvolvemento das forzas produtivas e explotar as importantes potencialidades que representan o aforro e a correcta organización do traballo.
A nosa historia indica, desde as guerras de independencia ata o presente, que mentres maiores sexan as dificultades, máis esixencia, disciplina e unidade se requíren. A desorde, a impunidade e a falta de cohesión estiveron sempre entre os peores inimigos dun pobo que loita.
Reitero que o país terá como prioridade satisfacer as necesidades básicas da poboación, tanto materiais como espirituais, partindo do fortalecemento sostido da economía nacional e da súa base produtiva, sen o cal, repito unha vez máis, sería imposible o desenvolvemento.
Un exemplo é a proposta de medidas dirixidas a incrementar as produccións agropecuarias e perfeccionar a súa comercialización, as cales se analizaron, provincia por provincia, cunha ampla representación dos encargados de levalas á práctica, incluídos os propios produtores.
Así se continuará facendo en cada asunto de importancia cardinal para o país.
Estamos examinando, por exemplo, todo o relacionado coa implementación oportuna das ideas do compañeiro Fidel sobre a “progresiva, gradual e prudente reevaluación do peso cubano” -son os termos exactos que empregou en marzo do 2005-. Ao propio tempo, profundamos no fenómeno da dobre moeda na economía.
Estas cuestións son realmente sensibeis e complexas, cando, como é o noso caso, existe a firme vontade de protexer e ir incrementando de modo paulatino os ingresos e aforros da poboación, en especial de quen reciben menos.
Para evitar efectos traumáticos e incongruencias, calquera cámbio referido á moeda debe facerse cun enfoque integral no que se teñan en conta, entre outros factores, o sistema salarial, os prezos detallistas, as gratuidades e os millonarios subsidios que actualmente supoñen numerosos servizos e produtos distribuídos dunha forma igualitaria, como os do caderno de abastecemento, que nas actuais condicións da nosa economía resultan irracionais e insostibeis.
Constitúe hoxe un obxectivo estratéxico avanzar de maneira coherente, sólida e ben pensada, ata lograr que o salario recupere o seu papel e o nivel de vida de cada cal estea en relación directa cos ingresos que recibe legalmente, é dicir, coa importancia e cantidade do traballo que achega á sociedade.
Como nos dixo Fidel na súa Reflexión do 16 de xaneiro: “Tampouco debe regalarse nada aos que poden producir e non producen ou producen pouco. Prémiese o mérito dos que traballan coas súas mans ou a súa intelixencia”, sentenció.
Estúdanse simultaneamente outros temas seguindo unha prioridade e o ritmo de avance dependerá da complexidade e os recursos.
Temos o fundamental para atopar as mellores solucións ao alcance das posibilidades materiais e as capacidades organizativas, que deben irse incrementando: un pobo instruído, de elevada cultura política e firmemente unido baixo os principios que resumiu o compañeiro Fidel na súa reflexión do 24 de xaneiro, cando dixo:
“Unidade significa compartir o combate, os riscos, os sacrificios, os obxectivos, ideas, conceptos e estratexias, aos que se chega mediante debates e análise. Unidade significa a loita común contra anexionistas, vendepatrias e corruptos que non teñen nada que ver cun militante revolucionario”, fin da cita.
Insisto no expresado aquí durante a anterior sesión desta Asemblea: para que as enormes posibilidades de esa unidade se convertan en resultados tanxibles, é imprescindible que todos os organismos e organizacións traballen coa necesaria integración.
A institucionalidade, repito o termo: a institucionalidade, é importante sustento dese decisivo propósito e un dos piares da invulnerabilidade da Revolución no terreo político, polo que debemos traballar na súa constante formación. Non creermos nunca que o que fixemos é perfecto.
A nosa democracia é participativa como poucas, pero debemos estar conscientes de que o funcionamento das institucións do Estado e do Goberno aínda non acada o nivel de efectividade que o noso pobo esixe con todo dereito. É un tema en que debemos pensar todos.
En decembro falei do exceso de prohibicións e regulacións, e nas próximas semanas comezaremos a eliminar as máis sinxelas. Moitas delas tiveron como único obxectivo evitar o xurdimento de novas desigualdades, nun momento de escaseza xeneralizada, incluso a custa de deixar de percibir certos ingresos.
A supresión doutras regulacións, aínda que a algúns lles poida parecer sinxelo, tomará máis tempo debido a que requiren un estudo integral e cambios en determinadas normativas xurídicas, ademais de que inflúen nalgunhas delas as medidas establecidas contra o noso país polas sucesivas administracións norteamericanas.
Pasando a outro tema, tamén está a tendencia a aplicar a mesma receita en todas partes. Como resultado diso e quizais a súa peor consecuencia, moitos pensan que cada problema esixe medidas de alcance nacional para resolverse.
A iniciativa local é efectiva e viable en moitas cuestións, así demostrouno a distribución directa do leite, como expliquei o pasado 26 de xullo. Xa a experiencia abarca a 64 municipios de 13 provincias do país, 40 deles totalmente cubertos. Nos restantes e na propia industria láctea tamén se avanza.
Ademais de garantir con puntualidade e cualidade este esencial produto, que é o obxectivo fundamental, nos últimos meses do pasado ano este programa permitiu aforrar máis de 6 mil toneladas de leite en po cuxa adquisición excedese os 30 millóns de dólares, considerando o prezo promedio no período de 5 mil cincuenta dólares a tonelada.
Adicionalmente reducíronse gastos en divisas por un valor de 2,6 millóns, incluídos nesta cifra uns 600 mil litros de combustible.
E pódense citarse outros casos de diversos sectores, polo que hai que continuar pensando en solucións semellantes en todos os niveis da administración.
Compañeiras e compañeiros:
Un día como hoxe, en 1895, ao chamado de Martí, os Piñeiros Vellos e Novos reiniciaron a loita pola independencia, frustrada pola intervención militar dos Estados Unidos. Medio século despois logramos unirnos novamente e presentar combate ao mesmo inimigo de sempre.
Non foi casual que se escollese esta data, fai 50 anos, para a primeira transmisión de Radio Rebelde na Sierra Maestra, nin que fóra o día en que proclamamos a nosa Constitución socialista en 1976.
Neste aniversario 113 do inicio da Guerra Necesaria, son realmente moitos e difíciles os retos. Perante eles, teñamos presente o expresado por Fidel na súa Reflexión publicada o pasado 10 de decembro, cando nos alertou:
“O rostro ceñudo de Martí e a mirada fulminante de Maceo sinalan a cada cubano o duro camiño do deber e non de que lado se vive mellor”.
Obrigado, moitas grazas. [Voltar ao inicio desta nova]