COMUNICADO DO PCPG EN SOLIDARIEDADE COS CINCO

O Comité Nacional do Partido Comunista do Povo Galego (PCPG) quere mostrar o seu rexeitamento e indignación pola nova resolución xudicial contra os Cinco patriotas cubanos inxustamente cautivos nos cárceres dos EE.UU e expresa publicamente a súa solidariedade con eles, os seus seres queridos e todo o povo revolucionario de Cuba.

Máis unha vez, tres xuíces dun tribunal de Apelacions de Atlanta-EEUU, anuncian un veredicto inxusto contra os Cinco, resolvendo que "carecen de mérito" os argumentos apresentados pola defensa e declarando firmes as sentencias contra René González (15 anos) e Gerardo Hernández (dúas cadeas perpetuas máis 15 anos). Ademais, devolven ao mesmo tribunal de Miami, de onde procedían, os casos de Ramón Labañino (cadea perpetua a máis de 18 anos), Fernando González (19 anos) e Antonio Guerrero (cadea perpetua a máis de10 anos).

Estamos, perante outra monstruosidade e farsa xurídica forzada polo goberno e a ultradereita máis cavernícola dos EE.UU contra cinco patriotas cubanos que xa levan soportando 10 anos de cárcere en distintas prisións dos Estados Unidos.

O ensañamento con que a xustiza e o Goberno de Estados Unidos trata a Gerardo, Antonio, Ramón, Fernando e René confinados en afastadas e diferentes prisións por loitar pacificamente contra un cruel terrorismo dirixido contra Cuba e o seu povo, e a aplicación de durísimas penas e longos castigos arbitrarios en celas de castigo, con impedimentos frecuentes para ser visitados polos seus seres queridos con trabas sen límites ao traballo dos seus avogados defensores, demostra irrefutabelmente, diante do mundo enteiro a dobre moral e o cinismo con que a xustiza norteamericana castiga aos inocentes mentres acolle e premia terroristas.

Os tan pregoados códigos éticos deste inicuo sistema xudicial non son aplicados, desde logo, no caso destes cinco cubanos que pola contra, en vivo contraste, protexe e dá acubillo ao terrorista Luís Posada Carriles, responsabel da voadura dun avión de pasaxeiros cubano en 1976 co resultado de 73 persoas mortas entre outros moitos crimes, negándose a entregalo á xustiza cubana ou venezolana ou a xulgalo no seu propio territorio.

En loita contra todas estas adversidades, 5 heroes cubanos seguen loitando nas entrañas do monstro en defensa de Cuba, da súa soberania e da seguridade do seu pobo e son exemplo e paradigma ético e político para todos os povos que se enfrontan ao imperialismo.

Nós, comunistas do PCPG, desde a solidariedade con eles e coa súa Revolución Cubana facemos un chamamento a todas as organizacións e persoas amigas a profundar e coordinar as iniciativas de solidariedade do povo galego coa súa causa que é a causa de toda a humanidade. Todo o apoio e respaldo que lles poidamos ofrecer sempre será pouco para os seus xigantescos méritos.

En Galiza, a 7 de Xuño de 2008

Liberdade para os Cinco heroes cubanos! Viva a súa digna e xusta loita!

Pola extradición e enxuizamento do criminal Posada Carriles!.

Até a Vitoria Sempre!. Viva Cuba Socialista!

[Voltar ao inicio desta nova]