O TRIBUNAL DOS POVOS CONDENA A EMPRESAS ESPAÑOLAS E EUROPEAS

As empresas e bancos españois Repsol-YPF, BBVA, HSBC e Santander, Unión Fenosa e Telefónica, así como a Shell, de Holanda e Inglaterra e as de telecomunicacións Telecom Italia están entre as condenadas. / O Tribunal Permanente dos Povos pediu que os Estados e gobernos de América Latina e do Caribe «garantan a soberanía e dignidade dos povos antes que os xuros económicos dos sectores privados».

A decisión do Tribunal reunido en Lima, que condenou a 24 corporacións europeas polas súas prácticas contra os dereitos humanos en América Latina, será enviada a cinco instancias internacionais -como as Nacións Unidas e o Parlamento Europeu-, aos países afectados e aos estados de orixe das empresas.

O Tribunal emitiu unha sanción ética e moral contra «as condutas e prácticas políticas, económicas, financeiras, produtivas e xudiciais do modelo neoliberal, implementadas e permitidas polos Estados (afectados), as institucións da Unión Europea e as corporacións multinacionais con capitais privados e estatais de orixe europeu».

As empresas condenadas actúan na Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Ecuador, Guatemala, Nicaragua, Perú e Uruguay, en 12 diferentes sectores, tales como: minería, petróleo, forestal-madeireiro, agroquímico e financeiro.

As empresas Thyssen Krupp, alemá, e Vale do Río Doce, brasilera, foron condenadas polo Tribunal Permanente dos Povos (TPP), que rematou as súas actividades o último venres en Lima, por crimes ambientais e violacións aos dereitos laborais e humanos na Baía de Sepetiba (Río de Janeiro).

A condena da Thyssen Krupp e Vale do Río Doce reforza decisións xa tomadas no Brasil -como o embargo da obra polo Ibama desde decembro de 2007- mais que non foron concretadas, pois as empresas continúan actuando libremente e causando danos ambientais e polución na Baía.

As dúas empresas son responsabeis das obras da Compañía Siderúrxica do Atlántico (CSA), que está causando danos ambientais, prexuízos á pesca artesanal de 8.070 mariñeiros, e violación de dereitos laborais en Sepetiba. As obras da CSA xa foron interdictadas polo Ministerio Público do Traballo, por irregularidades e incumprimento de dereitos laborais e ausencia de equipamentos de seguridade no traballo.

Fai dous anos, que os movementos de defensa do ambiente denuncian estes problemas, pero nada foi resolto. Así, mariñeiros e integrantes dos movementos sociais levaron o caso ao Tribunal, na sesión de Lima, na que apresentaron o Estudo de Caso e abundante documentación que trata acerca dos crimes ambientais e violación de dereitos humanos e laborais.

Xoves 22 de maio de 2008, por Axencias /Adital
[Voltar ao inicio desta nova]