PARTIDOS COMUNISTAS DE IRLANDA E VENEZUELA. EN DEFENSA DA SOBERANIA HISTÓRICA

O dirixente comunista e deputado bolivariano C. Wimmer dita conferencia en Irlanda

“A expansión colonial e a perda dos mercados..., precipita a crise económica, impulsando o pensamento revolucionario, axudando a acurtar o período requirido para o avance dos países en vías de desenvolvemento, preparando as condicións económicas necesarias para o noso triunfo”.

Esta idea, expresada no artigo “Imperialismo e Socialismo”, escrito en 1899 por James Connolly, cobra especial vixencia no que constitúe un novo momento histórico para América Latina, que reafirma a súa independencia no seu intento por libertarse de séculos de dominio imperialista, sinalou o vicepresidente do Parlamento Latinoamericano, Grupo Parlamentario Venezuelano (GPV), deputado Carolus Wimmer, na palestra que ditou recentemente na homenaxe anual ofrecido en Dublín, en memoria do mártir e pioneiro do socialismo revolucionario irlandés.

O parlamentario foi convidado polo Partido Comunista de Irlanda, no contexto da xira político-parlamentaria que realiza en Inglaterra, co fin de proxectar internacionalmente a revolución bolivariana, promovendo os seus logros e avances. Durante o acto realizado en Arbour Hill, onde repousan os restos de Connolly, precursor da independencia de Irlanda de Gran Bretaña, o deputado fixo entrega dunha coroa en nome do Partido Comunista de Venezuela (PCV) e do Parlatino.

James Connolly (Edimburgo, 1868- Dublín, 1916), a través da loita intelectual e armada, reivindicou os dereitos do seu pobo e os seus traballadores, participando na creación de diversos movementos políticos revolucionarios, tales como a Sociedade Socialista Republicana e o Partido Socialista do Traballo. Formando parte da rebelión de 1916, foi ferido gravemente, e levado a Corte Marcial baixo o cargo de traizón, declarando: “Queremos acabar coa conexión entre este país e o imperio británico, e establecer unha República Irlandesa”. O 12 de maio, foi fusilado.

Ao igual que Connolly, que escribeu á súa filla en 1916: “O goberno británico non ten, non tivo e nunca terá ningunha clase de dereitos sobre Irlanda”; nós, recalcou o parlamentario, dicimos: “O goberno de Estados Unidos de Norteamérica non ten, nunca tivo e nunca terá ningún dereito sobre América Latina”.

Wimmer, quen é tamén Secretario de Relacións Internacionais do PCV, salientou o rol protagónico dos traballadores na construción do proceso bolivariano. Neste momento histórico, subliñou no desenvolvemento da súa conferencia, titulada “A clase traballadora e a loita contra o imperialismo”, podemos facer nosas as palabras de Connolly: “Unha nación libre é aquela que controla absolutamente as súas capacidades e recursos internos, e está en plena liberdade de acción ao relacionarse con outras nacións...”. As formulacións do camarada James Connolly cobran unha importancia significativa, confirmando o principio fundamental que se defende en América Latina: a defensa da soberanía. [Voltar ao inicio desta nova]