PALESTINA: 21.915 DIAS DE CATÁSTROFE

Reproducimos aquí este artigo do compañeiro palestino Mohamed Safa (quen fora representante da OLP en Galiza).

Son os días dos 60 anos de sufrimento que padecen os palestinos desde a criación do Estado de Israel, que supuxo para eles unha catástrofe, coñecida en árabe como o Nakba. Milleiros de palestinos vironse na obriga de abandonar o seu territorio e a vivir en campos de refuxiados até o día de hoxe. Non é unha opción elixida, é unha realidade imposta que o 70% da sociedade palestina son refuxiados e a metade do povo vive baixo unha ocupación militar. Medraron e medrou a súa ferida nesta viaxe de sufrimento. A Nakba non é un feito do pasado, é a vida de todos os días. É difícil comprender todo isto sen ver a obra humana do Estado de Israel.

Cando os palestinos din que seguen coas chaves de súas casas, dos 531 povos e cidades borrados, non se refiren a ese obxecto metálico que dá acceso a unha casa en ruínas, senón ao que significa para eles de pertenza, de cultura, de identidade, de compromiso. Eu diría que é o que máis une hoxe aos palestinos: esa chave é o reclamo do dereito ao retorno, recoñecido polas nacións Unidas a través da súa resolución 194. Fronte a iso, o Estado de Israel séntese impune para incumprir a legalidade internacional, claro está, co protexo inequívoco dos Estados Unidos.

O que ocorreu non son relatos de dous contos distintos, a traxedia consiste en que o proxecto sionista acádase só borrando ao pobo palestino. Co transcurso do tempo produciuse a eliminación dun pobo por un Estado. As destrucións, o asasinato, o muro, a confiscación do territorio... É a paisaxe do terror, é o filme que nunca se acaba. Xa que logo, a Nakba non comezou aquel día negro fai 60 anos, senón que segue sendo a realidade cotiá dos palestinos.

Os palestinos padecen desde fai décadas unha doenza, a ocupación militar, cuxo tratamento eficaz é poñer fin a esa anomalía e recuperar a liberdade deste povo. Os palestinos non pretenden ser unha grande nación, pero si souberon transmitir de xeración tras xeración o sentimento de loitar para ser unha nación libre.

É hora de que Israel comprenda que a súa continuidade non debe pasar soamente pola súa potencia militar. A forza ten un límite e a única paz posible, a única seguridade alcanzábel unicamente se consegue respectando o dereito e as fronteiras do outro. Non hai dúbida da súa capacidade militar, pero teño a certeza absoluta de que están cometendo unha inxustiza.

Fará Israel por egoísmo o que non soubo, nin quixo facer por dereito, xustiza e ética?
[Voltar ao inicio desta nova]