PAREMOS AS NOVAS AGRESIÓNS DE BUSH CONTRA CUBA

Para o próximo 21 de maio, o Presidente Bush está poñendo en marcha unha nova agresión contra Cuba. Está visto que o imperialismo endexamáis descansa nos seus continuos ataques contra este pequeno país. Coa xa incribel escusa dos dereitos Humanos, o goberno norteamericano inicia esta campaña a favor dos seus terroristas e mercenarios amigos, eses que violan –ao igual que o país que os ampara- calquera lei nacional e internacional ao aceptar financiamento dunha potencia estranxeira para atacar ao seu propio país, como así confirman os mesmos documentos oficiais do goberno de Washington, que as recruta, adestra e evidentemente págalles, para que lles secúnden na súa política exterior contra a Revolución Cubana.

O fin que se persegue non é outro que o de obrigar á Unión Europea a seguir mantendo unha postura hostil contra Cuba. Agora que o Vello Continente se dispon a revisar as sancións impostas contra a Illa no ano 2003, esta campaña ocorre nun momento en que existe un achegamento favorable da UE para Cuba e Washington ve o perigo de que se poidan eliminar dunha vez por todas as sancións aplicadas ao pobo cubano, que nestes momentos están suspendidas temporalmente.

A chantaxe a Europa xa comezou coa viaxe a este continente do procónsul designado polo goberno norteamericano para materializar o plan anexionista da Illa, Caleb McCarry. O réxime de Bush quere evitar a toda costa que Europa asuma unha eventual política independente con respecto a Cuba e se vaia desmarcando da súa política agresiva.

Un goberno que é responsabel dos máis execrabeis crimes e violacións dos dereitos humanos, non ten autoridade lexítima nin moral para acusar a Cuba de conculcar eses dereitos, cando todo o mundo sabe que Cuba é o país con maior índice per cápita de educadores e médicos e ten, así mesmo, a taxa máis baixa de mortalidade infantil e materna de todo o continente, a pesar do ilegal bloqueo e as agresións militares e terroristas contra a Illa. En cambio EE.UU segue intentando, con todas as súas forzas, que o pobo cubano desista na súa decisión democrática de construír un modelo de sociedade diferente e inaceptable para o goberno norteamericano.

Desde aquí esixímoslle á Unión Europea que non se deixe chantaxear polo goberno de Washington e que, dunha vez, deixe de aplicar esas sancións a un país que nada fixo, senón ser un país soberano e solidario con todos os povos que o necesitan.

Así mesmo, esiximos ao goberno de Bush o cesamento do criminal bloqueo e dos ataques contra Cuba; que libere inmediatamente aos Cinco patriotas cubanos que cumpren en setembro 10 anos en cárceres de Estados Unidos, por loitar contra o terrorismo; que sexa devolta a base naval de Guantánamo, utilizada agora como cárcere clandestina e símbolo mundial do irrespeto aos dereitos humanos e civís.

POLA LIBERACIÓN DOS CINCO HEROES CUBANOS PRESOS EN EE.UU.

Ctés de Solidariedade cos Cinco [Voltar ao inicio desta nova]