Cuba Socialista
No sistema capitalista transnacional actual, financeiro e especulativo, onde a conformación das institucións de poder está absolutamente determinada por egoístas intereses económicos dunha reducida minoría que a duras penas pode pretender facer pasar estes organismos políticos por representantes dos intereses da sociedade en xeral, podería parecer un sono gratificante ou unha escena saída da fértil mente dalgún socialista utópico, de xulgarse liberados de prexuízos, que nalgún lugar do mundo se poida constituír un Parlamento onde ningún membro investiu un centavo na súa elección, non se empregou un minuto de radio ou televisión en campaña por algún candidato ou candidata e o povo aprobe de forma directa a composición das asembleas de goberno a todas as instancias. Esta sensación dunha especie de mundo paralelo ao real dominante afianzaríase se agregamos á información inicial que mais do 90 % dos electores aprobaron en bloque unido as propostas das comisións de candidatura ás dúas instancias superiores, as Asembleas Provinciais e a Asemblea Nacional, os mesmos millóns de cidadáns que recén terminaban de examinar de forma crítica os problemas que se propoñen resolver na súa sociedade. Ese país é Cuba Socialista hoxe.
A quen non se deteña a pensar de onde vimos e cal é a natureza de clase de moitos Parlamentos no mundo poderálle parecer natural que o noso Parlamento sexa unha fiel expresión da rica diversidade social do noso país. Mais botémoslle unha mirada ao contexto internacional. Salta á vista a confirmación da tese marxista da determinante dependencia da política dos intereses económicos, particularmente nunha etapa de podremia moral do imperialismo que reduciu, en ocasións a política nacional, e a certos políticos nacionais á tristeira condición de mercenarios da política transnacional nos seus propios países, vulgares comerciantes do patriotismo sen que xa que logo sufran unha crise de pudor, cando a corrupción política é unha epidemia global e as institucións representativas cairon nun descrédito tal que moitos perderon a fe na idea mesma da representatividade, e dubidan con forza que haxa persoas que poidan defender os intereses doutros no seu nome en diferentes instancias, non só de goberno senón gremiais, clasistas e territoriais, pois tan reiterados enganos e manipulacións leváronos a crer que non hai na natureza humana espazo para a solidariedade e que toda representatividade non é mais que un pedestal para acadar fins estrictamente persoais.
A nova Asemblea Nacional formouse na escola de Fidel, onde a consagración ás responsabilidades que se asumen, o altruísmo e a modestia, entre outros valores, danlle un contido novo, en termos históricos, á política revolucionaria. Este terreo é en extremo árido para que floreza o egoísmo, as ansias de protagonismo e de enriquecemento.
Se se quere ter unha proba da fortaleza da Revolución Cubana, só hai que observar como respondeu o pobo diante da imprevista doenza do seu máximo líder, Fidel, e como apoiou e apoia ao compañeiro Raúl e a toda a dirección colectiva da Revolución, sabendo que están preparados para comandarlo. Cando un pobo é capaz de converter os seus sentimentos de preocupación pola saúde do seu líder histórico, en unidade, firmeza, enerxía e disposición de loita contra o seu inimigo imperialista e as súas propias dificultades, ese povo é invencibel.
A nova composición do Consello de Estado, o seu presidente, o compañeiro Raúl, o primeiro vicepresidente, o compañeiro Machado e demais vicepresidentes, gozan dunha autoridade no pobo cubano gañada polos seus méritos de loita e de traballo abnegado no período revolucionario. Só aos inimigos da Revolución Cubana llee pode molestar un Consello de Estado representativo da Asemblea Nacional, que pola súa vez é representativa do pobo cubano, con case o 50% de delegados de base, mais do 40% de mulleres e equilibrada en composición por idades. Se tiraran outro cálculo na situación actual, ben poderían os contribuíntes norteamericanos demandar ao seu goberno por gastar sumas millonarias de diñeiro en análises que non acertan a entender a natureza do noso proceso revolucionario.
Na campaña mediática montada contra Cuba xa se observan cables que subliñan o inicio dunha suposta etapa de ruptura co mandato anterior. É unha proba máis de que carecen do máis elemental escrúpulo cando de lograr os seus intereses se trata. É unha versión actual dun vello truco para dividir aos revolucionarios. Cansáronse de contrapoñer a Carlos Marx e seu entrañabel amigo e compañeiro de loita, Federico Engels e pola súa vez a estes clásicos fundadores do marxismo co seu xenial continuador, Vladimir Ilich Lenin, logo a Gramsci, leninista por definición, con Lenin, e así sería interminabel a relación de patrañas e mentiras inventadas.
Pero no noso caso actual indigna que se apresente o avance da Revolución, a adopción de medidas para perfeccionala, e calquera outra decisión, baleiradas do pensamento de Fidel. A proposta de Raúl, aprobada por unanimidade pola Asemblea Nacional de consultar con Fidel as decisións de especial importancia para a Revolución, no terreo da defensa, a política exterior e o desenvolvemento socioeconómico do país, demostra o ética e apegada ao dereito que é a política da nosa máxima dirección.
A Revolución Cubana, vitoriosa fronte a colosais obstáculos continúa o seu rumo trazado por Fidel, a súa vangarda política, o Partido Comunista e o seu povo. Ninguén debe confundir o que coincida no tempo a criación das condicións internas e externas necesarias para a toma de importantes decisións coa nova lexislatura e a conformación dos máximos órganos de poder, ao ir deixando cada vez máis atrás as extraordinariamente difíceis condicións internacionais que enfrontou o país logo do derrubo do campo socialista a inicios da década dos anos noventa que impuxeron a necesidade de adopción de medidas para salvar a Revolución. Non imos cair na trampa de ter que demostrar que a nova lexislatura e o seu Consello de Estado son fidelistas.
[Voltar ao inicio desta nova]