7º ENCONTRO DA S. EUROPEA DA FSM. BARCELONA,23-24 DE NOVEMBRO 2007

Corenta delegacións participaron no 7º encontro anual da Sección Europea da Federación Sindical Mundial (FSM) que se realizou en Barcelona os días 23 e 24 de novembro. Dúas delegacións sindicais da CUT e da CIG represesentaron a Galiza traballadora neste importante foro.

A xornada do 23 de novembro xirou en torno á revisión das actividades realizadas pola FSM e acerca da preparación do plan de acción para 2008 e no día posterior celebrouse o seminario que afondou no tema: “O papel das mulleres en Europa”, que deu continuidade a reunión de setembro...no que participaron sindicalistas galegas. Reproducimos a seguir as intervencións da sindicalista galega CIG, Maria Carme L. Santamariña, Secretaria Confederal da Muller dese sindicato, así como a do representante grego Pontikos George.

Polo seu interese, publicamos tamén a da compañeira Maruchi Álvarez, que representou á CUT na Conferencia Internacional sobre a Muller da FSM realizada o pasado 8 de setembro.
.
.......................................................................................................................................................
Premer aquí para ler a importante intervención do camarada
Pontikos George, representantente de Grecia
.......................................................................................................................................................
.

................................... .................................................. ....................................................

Análise da situación da muller traballadora en Europa

Mª Carme López Santamariña, secretaria confederal da Muller da CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG)
...................................................................

En primeiro lugar quero agradecer a oportunidade que nos brinda a FSM por convidarnos a esta Xornada, e agradecer a posibilidade de que a central sindical á que represento, a Confederación Intersindical Galega, poida expor aquí as súas propostas ante os problemas cos que se enfrontan as mulleres traballadoras. Por todo elo grazas.

A incorporación das mulleres ao mundo laboral, é unha realidade cada vez maior, mais segue a ser hoxe en día un camiño cheo de obstáculos e limitacións. As mulleres somos excluídas do mercado laboral e discriminadas simplemente polo feito de pertencer ao xénero feminino. Máis aínda, na etapa actual de globalización neoliberal, de centralización e concentración da riqueza, de imperialismo, e polo tanto de recolonización e de aumento da dependencia.

Neste contexto, desde antes ate hoxe, en comparación ca os homes, temos menos posibilidades e menos dereitos no acceso e exercicio do emprego. Nestes momentos podemos gozar dunha mellora notábel no enfoque lexislativo ou político en canto á implantación da igualdade de oportunidades, pero aínda se producen e manteñen as prácticas de desigualdade e discriminación sobre todo no mundo laboral.

Non obstante, as mulleres e os homes que participamos no mundo sindical debemos aproveitar os avances que se están a dar en canto á introducción de medidas relacionadas co xénero e a igualdade de oportunidades, xa que este marco legal sitúa no marco da negociación colectiva a adopción de medidas concretas en favor da igualdade nas empresas, para que sexan as partes, as que acorden o seu contido.

A lexislación actual en materia de igualdade menciona o acceso ao emprego e ás condicións de traballo, na clasificación profesional, promoción e formación, entre as materias nas que se poderían estabelecer medidas concretas de acción positiva, propostas que desde a nosa central viñamos tempo presentando nas mesas de negociación, e que agora teñen carácter normativo. Estas materias, non obstante, non son as únicas medidas que deberemos negociar, xa que antes deberemos detectar e eliminar posíbeis situacións discriminatorias.

Os sindicatos debemos incluír, por tanto, entre os nosos obxectivos prioritarios para mudar a situación das traballadoras, a negociación de MEDIDAS DIRIXIDAS A PROMOVER A IGUALDADE DE OPORTUNIDADES:

• Medidas de acción positiva.

• Cambios na redacción do convenio colectivo para adaptalo á nova normativa e garantindo que en ningún ponto do seu articulado conteña unha regulación inferior ao legalmente estabelecido.

• Revisando a linguaxe empregada, poñendo especial atención ao emprego de linguaxe sexista.

• Incluíndo accións formativas en igualdade de oportunidades.

• Establecer sistemas obxectivos para os procesos de selección, contratación, promoción e formación.

• Redactar os anuncios de vacantes utilizando termos que animen aos candidatos e candidatas de ambos sexos (Ex: Necesítase licenciada/o en Farmacia).

• Favorecer a selección e promoción de mulleres, sobre todo naquelas ocupacións en que estamos subrepresentadas, co fin de conseguir un maior equilibro na empresa e nomeadamente nos postos de mando e responsabilidade.

• Asegurar que a formación se faga dentro da xornada laboral, sen prexuízo salarial, co fin de non prexudicar os empregados e empregadas con cargas familiares.

• Organizar cursos de formación para mulleres en períodos de suspensión por maternidade ou excedencia por coidado de fillos ou fillas.

• Revisar os criterios utilizados para decidir os ascensos que constitúan discriminación indirecta ao prexudicaren as mulleres pola súa posición estrutural no mercado de traballo (Ex. a dispoñibilidade horaria e xeográfica, a antigüidade).

• Establecer nos convenios colectivos cláusulas que eviten e penalicen o abuso na sucesión dos contratos temporais, limitando as súas causas e a concatenación e volume destes.

• Recoller de forma expresa o principio de igualdade retributiva integrando no concepto retribución toda prestación salarial ou extra salarial que se perciba.

• Garantir o acceso da representación legal dos traballadores e traballadoras aos datos sobre retribucións medias do persoal, desagregados por sexos e grupos ou categorías profesionais.

• Revisar os criterios de adxudicación daqueles complementos salariais que resulten discriminatorios de forma indirecta (Ex. Un plus de penosidade que se identifica co esforzo físico ou un complemento que retribúa a dispoñibilidade horaria e xeográfica beneficia claramente aos homes)

• Evitar a denominación das categorías profesionais cunha linguaxe sexista (Ex: secretaria, limpadora)

• Evitar as táboas salariais que discriminen indirectamente as mulleres ao establecer salarios inferiores para as categorías tradicionalmente feminizadas, ou para as persoas vinculadas por un contrato eventual.

Por outra banda, é preciso estabelecer MEDIDAS DE CONCILIACIÓN que permitan acadar unha plena incorporación da muller ao mundo do traballo en condicións de igualdade, así como facilitar ás traballadoras e traballadores unha compatibilidade do traballo coa vida familiar e persoal:

• Ampliar a idade de lactación.

• Estabelecer no convenio a duración do permiso acumulado de lactación (por exemplo, 15 días naturais).

• Ampliar a duración do permiso de paternidade.

• Garantir que o período de excedencia compute para todos os efectos, tanto de antigüidade como promocionais ou para a xeración de complementos retributivos.

• Ampliación da reducción de xornada a quen teña ao seu coidado fillos/as menores de 12 anos.

• Negociar e incluír no convenio a flexibilización de xornada por motivos familiares, que poderá ser solicitada por todo o persoal con fillos/as acollidos/as menores de 12 anos, ou familiares conviventes que, por enfermidade ou por avanzada idade, precisen da asistencia doutras persoas, sempre que se faga dentro dun horario de referenza, determinado en cada caso, por petición da persoa interesada e oída a representación legal do persoal, cando as necesidades do servizo o permitan (a persoa interesada poderá cumprir a súa xornada de traballo con absoluta liberdade, sempre que, en cómputo mensual, resulten cumpridas todas as horas mensuais de traballo aplicábeis).

• Recoller un novo permiso polo tempo indispensábel para acompañar aos fillos e fillas ou persoas dependentes, para recibir asistencia sanitaria.

• Permitir o gozo do permiso en caso de doenza grave e hospitalización de forma descontinua.

• Un permiso retribuído polo tempo indispensábel para realizar trámites relacionados coa adopción ou o acollemento provisional ou definitivo.

• No caso da adopción internacional, ou cando sexa necesario o desprazamento previo da nai e do pai ao país de orixe da/o adoptada/o, a traballadora ou o traballador poderán desfrutar dun permiso non retribuído de ate 4 semanas que poderá desfrutarse antes da resolución pola que se constitúa a adopción.

• Recoñecer ao persoal con fillas e fillos, acollidos/as menores de 12 anos, ou con familiares que, polas súas enfermidades ou pola súa avanzada idade necesiten a asistencia doutras persoas, a un permiso retribuído polo tempo indispensábel para o acompañamento nos supostos de accidente ou enfermidade grave.

• Do mesmo xeito, poderán optar por unha licenza de ate un mes de duración, de carácter non retribuída, cando un/unha familiar precise do coidado por enfermidade grave.

• Permiso retribuído para asistir e para acompañar a tratamentos de fecundación asistida e mais para acompañar a exames prenatais e a técnicas de preparación ao parto (con independencia de se se realizan en centros públicos ou privados).

• Dereito a ausentarse dúas horas diarias retribuídas nos casos de nacemento de fillas/os prematuras/os ou que teñan que permanecer hospitalizados/as despois do parto.

Por outra banda, é preciso protexer ás MULLERES TRABALLADORAS VÍTIMAS DE VIOLENCIA MACHISTA, por ese motivo, desde a CIG propoñemos o seguinte:

• Adopción de xornada reducida ou horario flexible.

• Preferencia na solicitude de traslado para ocupar un posto de categoría equivalente en calquera praza vacante doutros centros de traballo, con dereito a reserva do seu antigo posto durante 6 meses.

• Posibilidade de suspender o contrato de traballo por 6 meses, extensibles ata 18 meses.

• Posibilidade de extinguir o seu contrato de traballo, con prestación de desemprego.

• As ausencias ou faltas de puntualidade motivadas pola situación física ou psicolóxica derivada da violencia de xénero consideraranse xustificadas, cando así o determinen os servizos sociais de atención ou servizos de saúde. Nestes casos poderán flexibilizarse os criterios de concesión de préstamos ou anticipos ao persoal para atender situacións de necesidade.

EN DEFINITIVA, desde a CIG demandamos dos poderes públicos un maior compromiso para favorecer a inserción da muller no mundo do traballo, en condicións dignas. Pero para iso non é suficiente coa posta en marcha de medidas que favorezan realmente a conciliación da vida familiar e laboral, ademais de artellar medidas lexislativas que permitan adaptar a realidade social á laboral. É preciso, ademais, que as mulleres incrementemos a nosa participación en tarefas de cambio do noso país, da nosa sociedade. Temos que mudar entre todas o rol tradicional de muller, e adoptar un novo xeito de socialización, defendendo os dereitos que como mulleres acadamos, sendo respectadas sexual, física e psicoloxicamente, non sendo humilladas nin menosprezadas, loitando para que a maternidade non sexa motivo de discriminación laboral, conseguindo recibir igual salario por un traballo de igual valor, e iguais posibilidades de promoción.

As mulleres galegas, catalás, vascas, europeas, as mulleres traballadoras do mundo, temos que loitar por incorporar os intereses estratéxicos relacionados coa igualdade de oportunidades, especialmente aqueles que poidan contribuír á mellora do posicionamento social das mulleres e á construcción dunha sociedade máis igualitaria

......................................... ........................................... ........................................... ................................................

INTERVENCIÓN DE MARUCHI ÁLVAREZ DA CENTRAL UNITARIA DE TRABALLADORES (C.U.T)

“Toda persoa ten dereito, sen discriminación algunha,
a igual salario por traballo igual”

Esta frase, escrita no 1948, forma parte da Declaración Universal de Dereitos Humanos. Despois de case 60 anos segue sen acadarse en case ningunha parte do mundo, esta premisa, tan básica.

Compañeiras e compañeiros:

Un fraternal saúdo desde a Central Unitaria de Traballadores de Galicia. Desde a C.U.T. entendemos a loita sindical, como o binomio necesario da loita de emancipación de clase e de emancipación nacional. Non podería ser doutra maneira nunha nación, Galicia, que se lle segue a negar seus dereitos, loita sindical ademais, solidaria con todos os pobos do Mundo. É por iso que estamos aquí, e é por eso que estamos e compartimos o ideario da F.S.M.

Nos últimos meses tanto no Estado Español como en Galicia estamos a ser testemuñas da aprobación dunha serie de leis, denominadas da igualdade, que teñen como fin axudar a resolver a situación de diferencia entre homes e mulleres que se dan en todos os aspectos da vida “publica” pero fundamentalmente nas relacións laborais. Pero o que nestas reformas neoliberais non se aborda é a raíz do problema.

Para comprender ben a situación salarial da muller traballadora en Galicia compre describir brevemente a nosa realidade. Galicia é un territorio situado ao noroeste da península ibérica, polo que formamos parte da Europa do capital e dos mercaderes. Somos unha nación sen Estado negándosenos o dereito democrático e universal de autodeterminación. Vivimos nun réxime colonial encuberto, onde os sectores primarios, agro e mar, están a ser desmantelados co fin de facer de nós un país unicamente de servicios e de industrias de enclave.

Contamos cunha poboación de case 2.800.000 persoas, segundo datos “oficiais” temos unha taxa de actividade do 50,4%, unha taxa de paro total de 7,6%, que no caso das mulleres chega ate o 10,3%. Case o 45% de traballadores e traballadoras atópanse na industria manufactureira, no comercio e na construcción, polo que o peso específico destes tres sectores na economía é moi elevado.

A situación laboral da muller galega caracterízase por unha difícil inserción laboral, xa que por cada 100 homes empregados hai só 65 mulleres, esto tamén se deduce das taxas de paro que antes expuxemos. A nosa contratación faise, nunha porcentaxe máis elevada a tempo parcial que no caso dos homes, e con contratos temporais, polo que soportamos unha maior precaridade e polo tanto inestabilidade. Consecuencia do exposto é que o salario da muller sexa considerado como secundario ou complementario nos fogares galegos polo que é “prescindíbel” ou non prioritario. Esta consideración é definitiva cando nos atopamos diante dun conflicto.

A diferencia salarial entre homes e mulleres de media anda en entorno ao 27%. Durante anos pensouse que esta diferencia diminuiría a medida que a muller fose adquirindo postos de responsabilidade que dependeran da súa formación, pero esta relación non é tan directa como a priori se previa. No último estudio publicado polo Consello Galego de Relacións Laborais chama a atención que as diferencias salariais entre homes e mulleres sen estudios supera o 45% pero no caso das licenciadas, enxeñeiras ou doutoras esta porcentaxe atópase rondando o 37%.

As ocupacións máis contratadas no ámbito feminino no ano 2006 foron:

Dependentas de comercio.Persoal de limpeza de oficinas, hoteis. Traballadoras das industrias cárnicas e do peixe.

Nos sectores mencionados existe unha media dun 9% entre os salarios masculinos e femininos marcada no proprio convenio colectivo.

Cabe salientar que os datos expostos están referidos a convenios xerais sen entrar na peculiaridade de convenios propios de empresas, onde as diferencia en moitos casos, serían superiores. Representando estes datos a xeralidade das relacións laborais en Galicia.

A conclusión principal do exposto resúmese en que o problema fundamental está no valor que se lle dá ao traballo da muller, fronte ao dos homes sendo o destas moi inferior; polo que a retribución é menor. Outra consecuencia importante é a feminización da pobreza, visto que o poder adquisitivo da muller é inferior ao do home en canto o seu salario tamén é menor.

Non se pode rematar esta ponencia sen poñer de manifesto todo o traballo non retribuído e imprescindíbel para que a sociedade capitalista na que vivimos se manteña, xa sexan a tarefas do fogar ou o coidado de menores e anciás que maioritariamente recae sobre as mulleres e que estas asumen fóra da súa mal chamada xornada laboral.

Compañeiras e compañeiros: Desde a C.U.T. de Galicia vimos a reiterar o noso agradecemento á F.S.M , pola vosa invitación para participar neste Congreso. Estade seguros que en Galicia, tedes un seguro aliado na loita pola emancipación da muller traballadora e por un Mundo sen explotación

Voltar ao inicio desta nova
.